Ana Cunqueiro

“A importancia de facer realidade as ideas”

Ana é licenciada en Xeografía e Historia, pero decatouse ben pronto de que o seu era facer realidade toda clase de proxectos culturais.
Tendo en conta esta certeza, complementou dende ben nova a súa formación universitaria con cursos de xestión empresarial, planificación e elaboración de proxectos. Adquiriu experiencia na produción musical e artística en Madrid, antes de adicarse durante case 15 anos á coordinación de proxectos de igualdade de oportunidades do Fondo Social Europeo, tanto en Galicia como en Navarra. Despois dunha estancia de dous anos no Reino Unido, Ana voltou a Galicia para concentrarse na produción de eventos culturais multidisciplinares, como o Festival dos Abrazos, que coordina dende a súa creación.
Ana organiza todo tipo de exposicións e presentacións públicas. Actualmente, traballa coa Asociación Cidade Vella de Santiago de Compostela, facéndose cargo da produción de todos os seus eventos e concertos.
Ana é unha persoa resolutiva, afeita a liquidar os problemas antes incluso de que cheguen a producirse. O seu traballo é converter en realidade o que os proxectos plasman no papel, acompañándoos da man ata darlles un feliz final.