Festival de Cans

Unha festa audiovisual que pon o rural no centro de todas as miradas

O Festival de Cans é ao mesmo tempo unha mostra de curtametraxe galega e unha romaría cultural, no sentido máis expansivo do concepto. Naceu no 2004 e en poucos anos consolidouse como un dos eventos máis populares e exportables do calendario cultural galego. Celébrase na parroquia rural de Cans (O Porriño) en maio, coincidindo co Festival de Cannes, nun efecto de contrapunto que incrementa o atractivo desta cita.

O Festival de Cans presenta cada ano unha selección de curtas e videoclips galegos, completados con longametraxes, documentais, concertos, presentacións de proxectos, exposicións, coloquios, rutas de sendeirismo, etc. O festival toma por completo a aldea, convertendo alpendres, baixos, bodegas, hórreos, galiñeiros, chimpíns, camiños, leiras e o torreiro da festa en espazos para a exhibición e a creación cultural. O uso destes elementos e a integración nun mesmo lugar de veciños, curiosos, cinéfilos e famosos fai de Cans un festival único.

A comunicación do Festival de Cans correu a cargo de NóComún en dez das súas doce edicións. Moisés Álvarez estivo implicado no nacemento do festival, e foi o responsable de comunicación nas edicións 2004 2005 2006 2007 2008 2010 2012 e 2013, ademais de participar na coordinación da produción e a programación. En 2010, acompañouno nas labores de comunicación Sonia Díaz, que se volveu encargar desta tarefa en 2011, 2014 e 2015. Xes Chapela realizou en 2008 o videoblog do festival.

Organiza: Asociación Cultural Arela
Datas: 2004 – 2005- 2006 – 2007 – 2008 – 2009 – 2010 – 2011 – 2012 – 2013 – 2014 – 2015
Idea orixinal: Alfonso Pato e Asociación Cultural Arela
Traballamos con: Alfonso Pato, Magenta, Juancho Deseña, Rei Zentolo, Esmeralda L. Castro, Andrea Villa Feijoó, Mar Barros, Riebog, Massefecto Comunicación, Luis Otero Fotosfera, Rafa Costas, Fátima R. Sío.