O skyline da industria cultural galega

A pasada fin de semana os de NóComún estivemos no Culturgal por partida dobre: tivemos stand propio na feira, pero tamén nos encargamos da organización. Coa dirección de Sergio Lago, ata nove membros de NóComún nos implicamos na produción, programación, comunicación e xestión do evento. De todo isto falaremos nun próximo artigo na web. Agora toca falar da nosa proposta de stand: o skyline da industria cultural galega.

Xa volo amosabamos a semana pasada en versión reducida, pero agora, se premedes a ligazón situada debaixo da imaxe, tedes a oportunidade de explorar os rañaceos que forman este mapa visual das empresas culturais do país. Ideámolo como un mapa o máis completo posible, aínda que somos conscientes de que é unha ferramenta en progreso, susceptible de ser ampliada e mellorada. No mapa veredes catro barrios: o editorial, o das artes escénicas, o audiovisual e o da música. En cada edificio agrupamos as empresas por actividade. Flotando entre unhas e outras construcións atopamos multitude de servizos asociados en forma de nube.

O mapa foi construído coa información achegada por todos os e as compoñentes de NóComún e a concepción e o deseño correu por conta de Lucía Rolle, a nosa deseñadora. O mapa non está acabado (non o pode estar nunca), polo que todas as contribucións serán benvidas para que os edificios vaian completándose, mudando a forma, parecéndose cada vez máis ao real.

Descarga aquí o mapa