Vertebrar

Houbo un momento no que ata lle pillei manía ao término, por manido. “Imos vertebrar o sector” era a máxima, que partía da crenza, case visión, dunha cultura galega proxectada no País e no mundo a partir da forza da unión. Fuxir do minifundio mental e proxectar marca conxunta parecía unha boa idea, pero como en tantas outras cousas non deu tempo, en parte pola volatilidade das vontades políticas, pero tamén porque coa crise quen máis e quen menos tivo que regresar á prioridade da súa leira, convertidas en moitos casos en trincheiras de pura supervivencia, mes a mes, día a día.

Vista a experiencia destes anos, o malo das trincheiras é que, co tempo, a perspectiva que tes da veciñanza queda só na visión, de cando en vez, dun veciño erguendo unha nova bandeira branca. E con este panorama o normal é verse automáticamente cavando máis fondo, coa única compaña do medo interesado que nos inxectan.

O caso é que recuperaba agora o de vertebrar pensando en dous procesos nos que participei durante o último ano e que, outra vez, baseábanse en voltar á esencia de construír en conxunto, de vertebrar esforzos en positivo, aínda que desta volta máis a contracorrente que nunca. O Culturgal 2011 e a consolidación de NóComún como colectivo de traballo comparten varios aspectos clave: crer no que fas, crer no traballo de quen está ao teu lado e finalmente, sobre esta base, crer que é máis doado visibilizar xuntos todo o que podemos ofrecer.

Foi xa na primavera pasada cando nos convidaron a presentar a “proposta alternativa” de NóComún dentro do Macc celebrado en Tenerife. Ao rematar, un coñecido empresario cultural galego comentoume que lle gustara moito a presentación… pero que “non sabía aínda que carallo presentaramos”. En realidade razón non lle faltaba, porque aínda que o concepto e o discurso eran ilusionantes, totalmente “anti-trincheiras”, faltábanos poder demostralo na práctica desenvolvendo un proxecto de xeito integral. Esta oportunidade déunola a Asociación Culturgal, confiando no noso proxecto dentro de todos os que se presentaron ao concurso para a dirección da Feira das Industrias Culturais.

NóComún non ten sé física e cada un de nós vive, e quere seguir facéndoo, nun lugar diferente: Arteixo, Pontevedra, Compostela, Vedra… polo que o gran reto era crear dinámicas a distancia para un proxecto complexo e que ía precisar de moito tempo de preparación. Empregamos ferramentas colaborativas na rede compartindo todo o proceso de construcción do proxecto pero, a medida que os prazos se ían acurtando, fíxose imprescindible atoparnos físicamente para avanzar.

Neste punto converxe tamén un dos principais valores dunha Feira como Culturgal: a necesidade de contar con espazos de encontro entre os profesionais e sobre todo, de encontro do que facemos co público. A tecnoloxía permítenos comunicarnos entre nós e sumar milleiros de clics, de visitantes únicos e de “likes”, pero nun inverno como este resulta imprescindible, de cando en vez, sentir o calor do contacto coa xente, especialmente se é tamén a milleiros, para poder seguir adiante con máis forza.

Culturgal 2011 tivo a capacidade de atraer público a un evento que se presentaba claramente como o gran escaparate da produción cultural galega. É dicir, o público desprazouse ex-profeso dende todos os puntos de Galicia ata o Pazo da Cultura de Pontevedra “só” para gozar das propostas nas que traballamos durante todo o ano, a cultura que facemos.

Precisamente este éxito de afluencia desmonta varios bulos, como o de que o que fan creadores e profesionais galegos da cultura non lle interesa ao público e viceversa, que ao sector non lle interesa demasiado desenvolver estratexias e proxectos co público como principal obxectivo. As propostas das Industrias Culturais galegas interesan e teñen moito público por gañar, establecendo canles de visibilización adecuadas, coidando as formas e os espazos.

Nunha situación tan complexa como a actual, o contacto directo co público e a súa gran resposta foi un balón de osíxeno para o sector e durante os tres días o estado de ánimo de todos os que alí estaban o demostraba. Díxome moita xente que o bó ambiente partía xa dende o propio equipo de traballo e é certo, a fin de contas nós estábamos tamén a gozar do resultado de tanto esforzo común. Ao fin, a rede estaba tecida.