Festival dos Abrazos

Creación contemporánea nos espazos singulares de Compostela

O Festival dos Abrazos é unha mostra da creación contemporánea que ofrece unha ollada renovada sobre os espazos singulares de Compostela. Un certame multidisciplinar, intercultural, innovador, aberto e participativo que naceu en 2008 co dobre obxectivo de posicionar Santiago como referente internacional da innovación cultural e de reforzar o papel da creación como eixo do desenvolvemento da cidade.

Concertos de pequeno formato, mostras audiovisuais, Novo Circo, Clown, danza, fotografía, banda deseñada, escultura, intervencións efímeras, mercados das Artes e da Creación, obradoiros, tertulias que fomenten o diálogo cidadán… O Festival dos Abrazos xurdiu coa vontade de apostar pola diversidade de contidos e de formatos, abrindo as portas a creadores e axentes do ámbito local e internacional e adaptándoas á diversidade e singularidade dos espazos da cidade. O obxectivo último do certame é o de alimentar a creatividade, a imaxinación e a capacidade de innovación do tecido social e cultural compostelán.

O equipo de NóComún estivo presente no proxecto dende o seu nacemento. Ana Cunqueiro coordinou a produción en todas as edicións, contando puntualmente co apoio na produción técnica de María Galdón. Sonia Díaz participou na conceptualización do proxecto, da man de Vítor Belho, e coordinou a comunicación das dúas primeiras edicións, para o que en 2009 contou coa axuda de Moisés Álvarez. En 2009, Pilar Bonigno encargouse da xestión económica e administrativa do festival. Emerson Díaz foi o responsable do rexistro fotográfico e audiovisual do Festival dos Abrazos 2010.

Organiza: Concellaría de Cultura de Santiago de Compostela
Datas: 2008 – 2009 – 2010 – 2011
Idea Orixinal: Vítor Belho (E-Burbulla)
Traballamos con: E-Burbulla, Nordesía, 100×100 comunicación, Vacaline, Xavier Belho, Litonor, Tórculo.