A baixa da autónoma

Hai un mes collín a miña primeira baixa médica. Despois dunha intervención cirúrxica, pola que estiven hospitalizada catro días, o médico de cabeceira recomendoume permanecer de baixa, polo menos, un mes. Comparto o que aprendín nesa experiencia.

Primeiro, os pasos que hai que seguir para solicitar a prestación por Incapacidade Temporal (a famosa IT):

1. Solicitamos o parte médico de baixa no hospital, primeiro, e no centro de saúde, despois. É un trámite sinxelo e común co resto de traballadores/as.

2. Despois, temos un prazo de 15 días para ir ao INSS presentar a documentación: parte de baixa, DNI, seis últimas cotas de autónomos inmediatamente anteriores á data da baixa, a declaración da situación da actividade, o Modelo IT 1, o Modelo 145 e a acreditación de conta bancaria, onde se ingresará a prestación económica. Ademais, todas as semanas, cando o médico de cabeceira renove a baixa, temos que levar o parte de confirmación á Mutua. Tanto este como o punto anterior, pódeo facer outra persoa, se nós temos a mobilidade comprometida.

3. En canto lles chegue a documentación, recibimos unha chamada da Mutua citándonos a ir ás súas oficinas, para que un dos seus médicos comprobe o noso estado de saúde. Nunha destas citas, os médicos da Mutua “convidarannos” a coller a alta médica nunha data concreta. Se non o facemos así, emitirán unha “proposta de alta” ao noso médico, a través dos servizos de Inspección.

Por se vos preguntades, coma min, que é a Mutua e que pinta nesta historia, contareivos que as mutuas (de accidentes de traballo e enfermidades profesionais) son asociacións de empresarios reguladas pola Lei da Seguridade Social que asumen a asistencia sanitaria e a prestación económica, en caso de accidente de traballo ou enfermidade profesional, e a prestación económica en caso de enfermidade común. É dicir, o Estado dálles  parte dos cartos que recauda das nosas cotas para que elas os xestionen. En principio, son entidades sen ánimo de lucro, pero o seu poder é enorme e a súa xestión, escura. Vincenç Navarro contouno moi ben en Público: 1 e 2.

O outro quid da cuestión está na cuantía da prestación, que depende da base de cotización continxencias comúns que elixamos á hora de pagar as cotas da Seguridade Social. En caso de enfermidade común, cobraremos un 60% desa base de cotización entre o cuarto e o vixésimo día da baixa  e, a partir do vixésimo primeiro, o 75%. En caso de enfermidade profesional, cobraremos o 75% a partir do día seguinte á baixa. Os pagos fanse a mes vencido, por cada parte de confirmación entregado.

E, finalmente, está o tema do cese de actividade*, que pode estar ou non relacionado coa Incapacidade Temporal. Porque, no caso dos autónomos, das autónomas, baixa e paro son termos alamarmantemente próximos. Que pasa coa clientela da autónoma, cando ela está de baixa? Que pasa cos nosos proxectos se deixamos de atendelos unhas semanas? Non sei cal será a situación da maioría dos autónomos, pero non parece fácil. O que sei é que, se a autónoma ten a fortuna de pertencer a un colectivo como NóComún, á volta da baixa a súa clientela (e os seus proxectos) estarán esperando por ela tan contentos e lustrosos como sempre. Florecidos. Ben alimentados durante as semanas de asuencia con cariño e profesionalidade polos seus pareceiros e parceiras…
Só por iso, xa pagaría a pena formar parte desta rede.

Gracias.

Para ler con tempo
*Ley 32/2010 de 5 de agosto, de protección por cese de actividad de los trabajadores autónomos
Ley 20/2007, de 11 de julio, del Estatuto del trabajo autónomo