De benvidas e despedidas

Chega o primeiro aniversario de Nócomún e, con el, os primeiros cambios no equipo. Estes días dixémoslle adeus a Pilar Bonigno, que deixa a rede para centrarse noutros proxectos. Seguro que non tardamos en atoparnos nalgunha volta do camiño, Pilar, desexámosche o mellor! E, como esta rede é un organismo vivo e o equilibrio ten estranos xeitos de restablecerse, estes días estamos, tamén, de benvida.

Incorpórase a NóComún Cristina Domínguez, unha xornalista ligada á comunicación cultural que ten unha man especial para campañas de promoción e publicidade, o protocolo e a organización de eventos. Cristina incorpora á rede un fondo coñecemento da comunicación de turismo e patrimonio, aínda que tamén ten ampla experiencia na difusión de proxectos do ámbito literario, musical e cinematográfico. Traballou como xornalista no Galicia Hoxe, na Radio Nacional Checa, en diversos medios online e en varios programas de TVE. Colaborou coa axencia 100×100 comunicación + creatividade, levou a cabo accións de difusión do Observatorio Nacional de Termalismo, coordinou a exposición A Catedral de Santiago, corazón de Compostela, xestionou a comunicación da terceira edición do (S8) Mostra de Cinema Periférico da Coruña e, na actualidade, desenvolve o proxecto Sabor a mar de divulgación do patrimonio e o turismo nas redes sociais.

Cristina é dinámica, resolutiva e conciliadora, nunca perde os azos para enfrontarse aos contratempos e goza co traballo en equipo… Unha xoia que saberemos atesourar. Benvida, Cris!