Aprender a mirar a realidade a través do obxectivo

Contar unha historia con imaxes, retratar a súa realidade para facela extraordinaria, educar a mirada para apreciar a arte. Estes son algúns do obxectivo do taller de fotografía que impartiu por primeiro ano o fotógrafo Emerson Díaz nun colexio salvadoreño dentro do proxecto de Agareso con Cordes, ACPP e a Xunta de Galicia. Unha forma dinámica de sensibilizar sobre a importancia de coidar o medio ambiente e manter a pesca artesanal no Bajo Lempa, o que se une aos talleres de radio, o concurso de debuxo e as xornadas de limpeza.

Dez nenas e nenos do centro escolar Los Naranjos foron os elixidos para aprender nocións básicas sobre a luz, os contrastes, o enfoque ou o encadre. Despois duns apuntamentos sobre o manexo da cámara que lles proporciona Agareso, os escolares deben decidir que van retratar. Esta é unha das partes máis especiais, xa que se lles propón buscar a unha persoa da súa casa e retratar o seu día a día.

Unha parte moi importante, xa que a maioría das nais e pais desta zona dedícanse á pesca, ao marisqueo ou á comercialización destes produtos. Un dos nenos, William, decidiu seguir ao seu pai. Terá que fotografarlle reparando as redes, levantándose cedo para ir ao bote, cos peixes capturados. Aínda que a William tamén lle gustaría ir ao mar, os seus pais consideran que é demasiado pequeno para un oficio tan perigoso e duro como o de pescador.

Para ver o resto das historias haberá que esperar a que Carmen Novas, Laura López Ruiz e Emerson Díaz, o equipo de comunicadores voluntarios da Asociación Galega de Reporteiros Solidarios, revele as fotografías. As mellores serán incluídas nun libro audio que incluirá ademais imaxes dos beneficiarios do proxecto de pesca artesanal, os audios dos talleres de radio que levaron a cabo por Agareso en 2011 e 2012 e un programa especial coas cooperativas salvadoreñas que participan no proxecto multilateral.

Se queredes consultar que máis traballos fixeron os tres voluntarios de Agareso durante as tres semanas que estiveron en El Salvador, revisade o blog do proxecto Así Suena El Lempa.

 

 

* Texto e fotos cedidos por Agareso.