Festival de la Luz

Comunicación e documental para un evento comprometido

O Festival de la Luz defínese como un gran festival musical, solidario e comprometido co medio rural. Situado en setembro, en plena época de colleita, celébrase nunha ampla leira en Andabao, no concello de Boimorto, á beira da casa natal de Luz Casal. Ela exerce de anfitriona de excepción nun festival que celebrou en 2012 a súa primeira edición cun éxito notable.

O festival ten dúas partes: unha musical, con dous escenarios polos que na primeira edición pasaron artistas como Iván Ferreiro, Luz Casal, Vega ou Luar na Lubre; a outra de mostra de produtos do rural: alimentación, turismo, gastronomía… O festival resultou un éxito, cun cheo na xornada do sábado, a pesar de que o mal tempo obrigou a cancelar o segundo día.

NóComún participou na parte promocional do festival. Nas tres edicións do festival, Carlos encargouse das tarefas de deseño. En 2012, Moisés encargouse da comunicación xunto con Promosapiens e Xes encargouse da dirección dun documental que percorre a vida de Luz Casal ligada a Boimorto, a través de amigos e compañeiros de profesión reunidos no Festival. Un concepto ben definido, a calidade do deseño, a capacidade dos promotores para chegar aos medios e o magnetismo de Luz Casal contribuíron ao éxito da comunicación e imaxe do festival.

Organiza: ZircoZine, Luz Casal, Vegas Home Music, Concello de Boimorto
Datas: 2012 – 2013 – 2014
Traballamos con: Promosapiens (Clara Alcaraz).