Radios Comunitarias

Ao vivir nunha sociedade na que se nos bombardea con información, ás veces non nos decatamos de que en moitas outras partes do mundo, o acceso á información é escaso e a posibilidade de participar nos medios, masivos ou non, limitada.

Estas sinxelas premisas son as que poñen en valor o proxecto de fortalecemento de Radio Tehuacán, unha emisora comunitaria do pequeno pobo de Tecoluca, El Salvador, que loita con todas as súas forzas por converterse en altofalante da súa comunidade e devolverlle aos seus veciños un dereito fundamental, o de poder comunicarse entre eles e co resto do mundo, decidindo eles mesmos cales son os temas importantes e abrindo os micrófonos á participación cidadá.

Lorena Seijo foi a persoa encargada de levar a cabo este proxecto de fortalecemento durante o 2013, desde o seu posto de traballo na Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso)

O proxecto de Radio Tehuacán, no que tanto ACPP como Agareso estiveron plenamente embarcados durante este ano, xa concluíu a súa primeira fase: a elaboración dun plan de sostenibilidade da emisora e a formación do seu voluntariado, e nesta segunda etapa está a formar aos correspondentes nas comunidades para poder ter voz en todos os pobos da zona.

Dezaoito voluntarios e voluntarias da emisora foron capacitados para que poidan reportear, redactar, locutar e editar as súas propias notas e crear o seu informativo local. Algo novo para eles, xa que pensaban que o máximo ao que podían aspirar era picar as cancións que os seus oíntes lles solicitan a través do teléfono. Esta non foi só unha capacitación formal, senón que en todo momento procurouse que tomen conciencia da responsabilidade que significa ter a súa propia emisora comunitaria, as oportunidades que teñen por diante e a importancia de que sexan suxeitos do seu propio desenvolvemento. O xénero, o respecto, a igualdade, a cooperación ou o medio ambiente foron outros dos eixos transversais que da formación, que foron incorporándose á vez que se corrixían os seus textos, analizábanse os xornais, editábanse audios ou se compartía unha cea.

Mozos voluntariosos de 13 a 30 anos, con grandes deficiencias educativas, pero cun espírito de superación e un interese por aprender, que non é fácil de atopar noutros recunchos do mundo. Por iso, moitos deles volverán recibir formación complementaria en setembro na segunda fase do proxecto.

Resulta impresionante, á vez que esperanzador, ver como rapaces de 17 anos collen as súas bicicletas ás 5 da mañá, percorren quilómetros para chegar á emisora, facer os labores de limpeza e porse a picar música. Para ás 8 estar xa disposto a recibir formación en técnicas de radio, iso si,  co uniforme ben dobrado na súa pequena mochila porque pola tarde toca ir ao instituto. Alfredo, Yasmin, Mario, Manuel, Juan Carlos, Iris.. así até 18 persoas, que deixan aparcados nas súas casas os seus problemas cotiáns para formar parte dun equipo, o equipo de Radio Tehuacán.

O traballo destes 18 voluntarios e voluntarias non sería posible sen o respaldo dunha Xunta Directiva que leva anos pelexando porque a súa emisora comunitaria non caia nas mans equivocadas e que se cumpra cos obxectivos para os que se creou: darlle voz ao pobo.

Todos eles dedican o seu tempo libre a unha radio que esperamos que siga crecendo día a día, e que a final de ano dispoña tamén de 20 adolescentes formados por voluntarios de Agareso para ser correspondentes populares, como parte da segunda fase do proxecto, á vez que se lle dotará de novos equipos técnicos para completar este gran esforzo humano.

Para da experiencia desta primeira fase de fortalecemento pode consultarse no blog de Así Soa O Lempa.

Organiza: Agareso, ACPP e Cordes

Data: 2013

Traballamos con: Roi Palmás, Rocío Cadahía e Antonio Grunfeld.