A baixa da (nai) autónoma

As compañeiras do programa da Radio Galega Galicia por Diante decidiron aproveitar que o declive demográfico está de actualidade para falar sobre as baixas de maternidade e pedíronme que ofrecese a miña visión de traballadora autónoma. Se vos interesa, podedes escoitar a conversa aquí. Fíxoseme breve e quedei con rabia de non ofrecer unha visión máis ampla e diversa da problemática. Pero, en fin, agradezo a oportunidade de falar do tema na radio pública e para a próxima prometo levar unha notiña, para non deixar nada sen dicir.

Aproveito a cita radiofónica para obrigarme a publicar o post sobre a baixa da nai autónoma que leva a medio escribir dende que a pequena decidiu facer a súa entrada triunfal un par de semanas antes do previsto. Que complicado é compatibilizar esta primeira época de inmersión total con calquera outro proxecto! Por iso, é especialmente importante que exerzamos o noso dereito á baixa de maternidade. Isto é: as traballadoras autónomas temos dereito a percibir unha prestación económica do 100% da nosa base reguladora durante 16 semanas ininterrompidas a contar a partir do mesmo día do parto*, sempre que nese momento esteamos dadas de alta e ao corrente no pago das cotas e teñamos cuberto un período mínimo de cotización**. Ademais, se decidimos contratar alguén para cubrirnos a baixa e mater a clientela, tanto as nosas cotas mensuais como as da persoa que contratemos estarán bonificadas ao 100%. E, igual cás traballadoras do réxime xeral, as últimas 10 semanas da baixa podemos cederllas ao pai e/ou tamén podemos escoller por descansalas a tempo parcial, reducindo tanto a actividade como o subsidio ao 50%.

Cales son os trámites?

1. Entre as 24 horas e os 8 días posteriores ao parto debemos ir ao Rexistro Civil co parte do hospital, os DNIs da nai e do pai e o Libro de Familia, se o temos. Se os pais non están casados, deben ir os dous.

2. Unha vez inscrito o neno ou nena no Rexistro Civil, debemos darlx de alta como beneficiarix da nosa tarxeta na Seguridade Social, para que teña dereito á asistencia sanitaria, e debemos solicitar tamén a prestación por maternidade. Para isto último temos un prazo máximo de 15 días.
Estes trámites podemos facelos a través do portal Tu Seguridad Social ou nun Centro de Atención e Información da Seguridade Social, solicitando cita previa a través da Sede Electrónica da Seguridade Social ou do teléfono 901 16 65 65. O trámite en Tu Seguridad Social é moi sinxelo, pero se por calquera motivo decidides facelo nun CAISS, recordade que debedes levar o DNI, o Libro de Familia co neno ou nena xa inscrito e estes formularios: prestación de asistencia sanitaria e prestación maternidad. E recordade que se non tedes cita non vos atenderán. Isto aos poucos días de dar a luz e cun pequeno ou pequena recén nacido pode ser especialmente frustrante.

Despois, como calquera outra nai, teredes que empadroar o cativo/a e ir ao Centro de Saúde para tramitar a súa propia tarxeta e escoller pediatra.

Outras axudas: a Tarxeta benvida da Xunta de Galicia e a Deducción por maternidade que concede a Axencia Tributaria.

Sobre conciliación, garderías públicas e privadas, horarios laborais, fuga de clientes e corresponsabilidade xa falaremos máis adiante…

Tamén vos pode interesar
As baixas da (embarazada) autónoma
A baixa da (enferma) autónoma

Para ler con tempo
Real Decreto 295/2009, de 6 de marzo, por el que se regulan las prestaciones económicas del sistema de la Seguridad Social por maternidad, paternidad, riesgo durante el embarazo y riesgo durante la lactancia natural
Ley 12/2001, de 9 de julio, de medidas urgentes de reforma del mercado de trabajo para el incremento del empleo y la mejora de su calidad. | Disposición adicional segunda. Bonificacións de cotas de Seguridade Social para os traballadores en período de descanso por maternidade, adopción, acollemento preadoptivo ou permanente e por risco durante o embarazo.
Real Decreto 11/1998, do 4 de setembro, polo que se regulan as bonificacións de cotas á Seguridade Social dos contratos de interinidade que se realicen con persoas desempregadas para substituír a traballadores durante os períodos de descanso por maternidade, adopción e acollemento.
Ley 32/2010 de 5 de agosto, de protección por cese de actividad de los trabajadores autónomos
Ley 20/2007, de 11 de julio, del Estatuto del trabajo autónomo

___
* En teoría é posible iniciar a baixa antes do parto, pero como vos explicabamos en leste post existen outras opcións máis vantaxosas.O período mínimo de cotización é de 90 días nos 7 anos inmediatamente anteriores ao momento do inicio
** O período mínimo de cotización é de 90 días nos 7 anos inmediatamente anteriores ao momento de inicio do descanso ou 180 días ao longo de toda a vida laboral se temos entre 21 e 26 anos ou de 180 días nos 7 anos anteriores ou 360 días ao longo de toda a vida laboral se temos máis de 26 anos. Se temos menos de 21 anos non existe período mínimo de cotización.