Na procura de respaldo legal para o noso traballo en equipo

Unha idea vai medrando, vai medrando, da paso a un proxecto, ese proxecto atopa ideas, complementos, e …. de súpeto vémonos na lideira de ter que organizarnos dalgún xeito legal que nos permita saír ao mercado, facer colaboracións, contratar, pagar, cobrar… A parte menos atractiva da nosa “creación”. Vexamos… ¿Empresa ou Asociación? Depende do noso obxectivo final, mercantil ou non, que colleremos un camiño ou outro.

As sociedades de persoas son un xeito popular de organización porque con pouco custe permiten combinar o capital e as habilidades de máis dunha persoa. A sociedade non é unha entidade legal separada en si mesma senón simplemente unha asociación voluntaria de individuos. Gústame dicir que unha sociedade é un acordo de vontades de un grupo de persoas chamadas socios, que unen esforzos e capitais para a realización dun fin común de carácter económico e propósito de lucro.
Vexamos a cantidade de formas xurídicas que temos para elixir: Autónomo, S.L., S.A., Cooperativa, Comunidade de Bens, Asociacións sen ánimo de lucro, Sociedade Colectiva, Sociedade Comanditaria. Cada unha de elas coas súas vantaxes e desvantaxes. A elección depende do número de socios, da responsabilidade fronte ás débedas, do sector, da actividade, do financiamento e capital. Para saber cal elixir debemos coñecer primeiro os pros e contras.

Avanzámosvos as características das sociedades mercantís:

1. SOCIEDADE LIMITADA. A responsabilidade dos socios limitase ao capital achegado. É a forma xurídica elixida por 7 de cada 10 empresarios e a mellor opción para pemes con poucos socios.
Vantaxes:
– Reducido capital (3.006 euros).
– Os socios non expoñen o seu patrimonio persoal.
Desvantaxes:
– Trámites de constitución.

2.SOCIEDADE ANÓNIMA. O capital está dividido en accións integradas polas achegas de cada socio. É a opción das grandes empresas e medianas con necesidades de grandes investimentos.
Vantaxes:
– A responsabilidade queda limitada ao capital achegado.
– Boa imaxe fronte a fornecedores, bancos e caixas.
– Permite a túa empresa cotizar en bolsa.
Desvantaxes:
– O investimento inicial (60.102 euros totalmente subscrito e desembolsado nun 25%).
– Funcionamento ríxido.

3. SOCIEDADE LIMITADA NOVA EMPRESA (SLNE). É a figura máis recente de todas. Trátase da mellor vía para constituír unha empresa en 48 horas. Formalízase cun Documento Electrónico Único (DUE) e nunha comparecencia ante notario.
Vantaxes:
– Limita a responsabilidade dos seus socios.
– O capital mínimo é de 3.012 euros (o máximo é de 120.202 euros).
– Vantaxes fiscais.
Desvantaxes:
– Só poden ser socios as persoas físicas.

4. COOPERATIVAS E SOCIEDADES LABORAIS. Para constituír unha cooperativa esíxese un mínimo de tres socios. Varía o capital social: 1.803 euros (cooperativa), 60.102 euros (Sociedade Anónima Laboral), e 3.006 (Sociedade Limitada Laboral).
Vantaxes:
– Responsabilidade limitada e bonificacións fiscais.
Desvantaxes:
Non se pode transmitir as accións libremente (Sociedades Laborais).

Nesta ligazón tedes un .pdf con información máis detallada das características de cada tipo de sociedade.