“Todo acto comunicativo require dun compromiso social”

Lorena é xornalista, pero está especializada dereitos humanos e comunicación para o desenvolvemento.

Na actualidade é técnica de proxectos da Asociación Galega de Reporteiros Solidarios e xestiona desde o 2013 un proxecto de fortalecemento de radios comunitarias en El Salvador. Ao mesmo tempo, neste 2014 tamén traballa para Asemblea de Cooperación pola Paz como técnica de comunicación do proxecto Barrios Abertos, que busca a integración de inmigrantes nos barrios de San Pedro e Fontiñas de Santiago de Compostela. Respalda o traballo en rede do sector da cooperación galega formando parte da Xunta Directiva da Coordinadora Galega de ONGD.

Nos últimos catro anos en Galicia foi a responsable de comunicación de diferentes proxectos, dos que tamén formaron parte diferentes integrantes de Nócomún, como feiras (Culturgal 2011/2012),  certámenes audiovisuais (Premios Mestre Mateo 2011), festivais musicais (As Revenidas 2012-2013, Terradafraternidade 2012) e encontros culturais (Macc 2010).

Na súa etapa anterior, Lorena acumulou dez anos de experiencia como xornalista de prensa, principalmente en Guatemala, onde residiu sete anos. Alí centrou a maior parte das súas publicacións nas violacións dos dereitos humanos, a problemática dos pobos indíxenas, as consecuencias do conflito armado, a violencia contra a muller e os efectos do crime organizado en Centroamérica. Este tesón levouna a gañar dous anos consecutivos o Premio de Xornalismo en Dereitos Humanos de Guatemala (2007-2008). Durante a súa estancia no país centroamericano, traballou tamén en numerosas ocasións como enviada especial a outros países da contorna, como México, El Salvador, Cuba ou Bolivia. No 2009 volveu a Galicia, onde foi corresponsal do diario Público ata 2010.

Coñece de primeira man as dinámicas internas dos medios locais e globais, así como as dificultades coas que se atopan as organizacións do terceiro sector para chegar á sociedade. Realizou labores de asesoría nas campañas de sensibilización de Unicef-Guatemala durante dous anos, nos que deseñou e desenvolveu diversos materiais de divulgación.

Comprometida e honesta, Lorena pon as persoas e os seus dereitos no centro de toda acción comunicativa. As súas especialidades son os plans de comunicación, a estratexia comunicativa, a organización de eventos, a conceptualización, a relación cos medios, a creación de contidos e o xornalismo.

Storytelling para Escolares

Redes sociais para Escolares

Reportaxes sociais

Macc 2010

Testemuños: O cárcere de mulleres en Guatemala

Dereitos da infancia

Campaña contra a trata de persoas