“A ponte que une creación cultural e sociedade”
O deseño, a coordinación e a xestión integral de proxectos de difusión cultural definen a traxectoria profesional de Helena. O seu coñecemento persoal e directo do ámbito cultural galego, dos seus protagonistas e axentes, das fortalezas e as carencias, constitúe un punto de partida solvente á hora de construir novos proxectos de creación e difusión cultural.
Foi durante anos a directora do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, coordinou a presenza galega nas Feiras Internacionais do Libro de Bolonia, Liber, La Habana e Frankfurt e argallou as actividades da banda deseñada galega no Salón Internacional do Cómic FICOMIC. Completa estas iniciativas de carácter institucional coa participación en proxectos asociativos como o Club de Lectura Virtual de Implicadas/os no Desenvolvemento ou coa colaboración na Asociación BD Banda.
Helena participou nestes proxectos desde o principio ao fin, desde o deseño da idea ata a súa materialización. A coordinación de enerxías e a creación de sinerxias no ámbito cultural forman parte do seu xeito de traballar, colaborativo e participativo, convertendo os proxectos en colectivos, contando sempre coa activa presenza dos sectores implicados.
Helena ten no traballo en equipo, no deseño e ideación de proxectos, na capacidade de crear redes e na planificación de grupos algunhas das súas principais destrezas.
Culturgal
Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra
Feiras internacionais do Libro