Edición de vídeos con software libre

En NóComún gostamos de compartir e crear con métodos de colaboración. Por iso o noso interés nas aplicacións informáticas xurdidas da Comunidade do Código Aberto. Dende a planificación ata a edición ou montaxe dos teus vídeos con aplicacións gratuítas con licencia GPL.

No eido audiovisual cada vez son máis as ferramentas de software libre que permiten traballar e crear proxectos audiovisuais, sen necesidade de investimentos económicos. Tan só é preciso dispor de vídeos e imaxinación. Dende o ano 2.000 son varios os proxectos de desenvolvemento de software libre para a edición de vídeos. Durante a última década véñen minguando as distancias entre os editores de vídeo profesionais e de pago, fronte a novas aplicacións accesibles a todas e todos os usuarios.  E as diferencias seguirán diminuíndo.

Non é preciso embarullarse cos arquivos dixitais de vídeo porque xa existen ferramentas para poder editalos con software libre e de maneira doada.

Editar vídeos é aínda máis sinxelo

Antes de descargar unha aplicación para a edición de vídeos con licencia GPL, haberá que ter claro algúns conceptos para que funcione correctamente.

O formato audiovisual pódese definir coma o xeito de captación das imaxes en movemento. Dentro do cine os máis populares son o 35 milímetros, o 16mm ou o 8mm. No vídeo tamén apareceron distintos formatos con maior ou menor sorte; Betacam, High8, SuperVHS, DV ou HDv, entre outros. O soporte atinxe ao xeito de almacenamento e de reprodución das imaxes. Se falamos de cine soen coincidir formato e soporte. Na era dixital o soporte desaparece pero os formatos multiplícanse. Cada formato dispón dun perfil, ou codec, no que se determinan as varacións concretas que o caracteriza. Deste xeito un formato pode conter PAL (sistema europeo), HD, fotogramas reais ou non reais, tamaño, aspecto panorámico… Hai múltiples formatos de captación e de edición cos seus respectivos codecs ou perfís. Un contedor pódese definir como a caixa que garda o vídeo e o audio nun arquivo dixital que inclúe unha metadata, ou información adxunta que serve para interpretalo correctamente e proporciona información adicional para os programas nos que vaia ser modificado. Os contedores de vídeos distínguense na extensión do arquivo. Poden ser por ex: “videoNóComún.mpg”, .wmv, .mov, .dv, .mp4, .divx, .mxf, .avi, .3gp…

No fondo editar vídeos é ben sinxelo. Unha vez comprobado o formato co seu correspondente perfil e o contedor dos arquivos dixitais dos nosos vídeos, haberá que verificar que aplicación de código aberto para editar vídeos serve para traballar con eles. Cando xorden erros de compatibilidade co aquivo do vídeo o axeitado é modificar o contedor nunha extensión e perfil compatibles coa aplicación. Ferramentas para facelo hai abondas.  Un par delas sen custo; Ffmpeg, de código aberto, de balde senón empregas .mpg2. E a web zamzar, que funciona en liña tras un rexistro gratuíto, onde podes modificar a extensión do teu arquivo de vídeo. Os contenedores cando son modificados poden perder parte desta información. Hai que ter en conta que cada vez que moficamos o codec do vídeo perderemos calidade. Así que por norma xeral o ideal é traballar co arquivo no seu formato orixinal.

¡Tanto ten a ferramenta! O importante é o que contas

Todas as aplicacións de edición de vídeo funcionan igual. Alomenos dispoñen de tres partes ou areas de traballo, sexan ou non de código aberto. Unha das partes para o material sen editar, composto por arquivos de vídeo, fotos ou música. Outra área serve para o visionado do material, onde podemos acortar e seleccionar un anaco concreto do arquivo. E unha terceira parte correspóndese coa liña de tempo onde colocar os vídeos e o son na orde que desexemos.

A diferencia fundamental entre as apliacións para montaxe de vídeos radica na calidade final dos vídeos editados e nos efectos que lle podemos achegar. Con todo, o seu funcionamento é intuituivo e en pouco tempo podemos montar os nosos propios vídeos. Creamos un proxecto, importamos os arquivos, modificamos e exportamos un novo vídeo.

As 9 principais aplicacións GPL de edición de vídeos

As principais aplicacións de software libre para a edición de vídeo son Avidemux, Cinelerra, Kdenlive, Kino GTK, Lives, OpenShot Video Editor, VirtualDub, PiTiVi e Lightworks.

As aplicacións de edición de vídeos con licencia GPL pódense agrupar en tres apartados atendendo ao uso final dos proxectos; consumer, prosumer e profesional. No primeiro grupo de “gran consumo” equivalentes ao Windows Movie Maker ou Imovie, atópanse Avidemux, VirtualDub, LiVES e Kino GTK. Recomendadas para montaxes de vídeos sinxelos, exportados a unha calidade media baixa, ideais para edicións rápidas e distribución na rede.

Nun segundo grupo están as aplicacións de uso prosumer, a medio camiño entre as prestacións das aplicacións profesionais e as de gran consumo, para sistemas operativos Linux,  OpenShot Video Editor e PiTiVi. Como melloras respecto ás anteriores; posibilidade de exportar a soporte físico e número ilimitado de capas de vídeo superpostas. Estas aplicacións permiten efectos máis sofisticados como introducir vídeos dentro dos vídeos, empregar transparencias, introducir grafismos elaborados…

Nun último grupo atoparíanse as aplicacións de uso profesional, con calidade final para a súa distribución na industria. Kdenlive, Lighworks e Cinelerra. Estas aplicacións poden importar e exportar arquivos en calidade HD ou para teléfonos móbiles, entre outros. Tamén permiten editar con arquivos XML e EDL, utilizados para o traballo en equipo. Co EDL o músico ou a grafista nos seus estudos axustan as imaxes co son ou cos grafismos. Evidentemente estas aplicacións requiren procesadores, memoria RAM e disco duro máis potentes que as anteriores.

 

A democratización cinematográfica chegou ás nosas casas

Lightworks e Kdenlive son magníficos exemplos da aportación da Comunidade do Codigo Aberto á edición de vídeo. Outra das aplicacións creadas pola Open Source Community no eido audiovisual é a aplicación Celtx. Unha ferramenta profesional para a planificación de proxectos audiovisuais. Moi útil para organizar e xestionar unha filmación. Co Celtx xa non hai excusas para producir os teus filmes.

Escolle o software libre que mellor se axeite aos teus recursos e mellora os vídeos da cámara e do móbil. Coas aplicacións con licencia GPL é moi doado. En NóComún convidámoste a descubrilo.

Máis información con especificacións técnicas de aplicacións de edición de vídeo nas táboas do seguinte artigo.

http://en.wikipedia.org/wiki/Comparison_of_video_editing_software