O proceso de produción de eventos

En NóComún cremos que todos debemos estar familiarizados con todas as áreas do traballo de produción cultural e, por iso, ímosvos dar unhas nocións básicas sobre a produción dun evento… Imos aló!

 

Pre-produción

Unha vez definido e contratado o evento, o equipo de produción analiza todas as necesidades que poden ir xurdindo para que o día do evento non nos falte de nada e define e executa as accións precisas para ilas cubrindo da maneira máis eficiente posible. É importante establecer dende un primeiro momento as necesidades específicas e calcular e prever os custos que suporán.

 

Información principal:

Para estimar os orzamentos e poder comezar a traballar sobre a produción, debemos ter presente certa información como pode ser:

–          Artista ou artistas que intervirán

–          Recinto onde se vai realizar (aberto ou pechado, público ou privado…)

–          Data

–          Rider do artista, onde se establecen os requerimentos técnicos e de hospitalidade.

Toda esta información debe estar sempre por escrito!

 

Necesidades de produción

Dividímolas en dous apartados principais :

 

1.- necesidades derivadas do contrato co artista: como xa comentamos anteriormente:

*  rider técnico, onde se reflexan todas as necesidades tipo: medidas de escenario, equipos de son, luz, backline, etc;

*  rider de hospitalidade, onde se reflexarán necesidades referentes a cameríns, manutención, aloxamentos, seguridade, etc.

 

2.- necesidades derivadas do promotor: con todo o do punto anterior visto, damos un paseo polo recinto onde imos realizar o evento para comprobar as condicións do espacio e ver todo o traballo que hai que organizar e cómo organizalo en canto a:

*  infraestruturas: escenario, cameríns, valados, etc.

carga e descarga: canto persoal imos precisar, que medios de transporte, cales e como son os accesos ao recinto…

*  acometidas eléctricas: precisamos grupos electróxenos? Onde poderemos situalos?

*  contratación de seguros: pode ser necesaria unha póliza para garantir que estamos cubertos ante calquera accidente que podamos sufrir no proceso da produción

*  material: todos os materiais empregados deben estar homologados

* seguridade: dende a contratación de persoal ata as necesidades de seguridade de plans de evacuación, prevención de riscos etc

O resultado de toda esta análise será o orzamento preciso para levar a cabo a produción do evento.

 

Proceso de produción

Neste proceso executaremos todo o visto no apartado anterior.

A produción do evento consiste en coordinar o equipo técnico e humano para que se desenvolva a actividade no recinto e tempo preciso. Debemos ter en conta que o proceso de produción non o rematamos co evento en si, senón que, en canto se realiza unha montaxe, temos que coordinar a desmontaxe posterior ao evento!

Resumindo, para poder facer a produción o día do evento, precisamos ter toda a pre-produción perfecta:

–          permisos en orde

–          plans de seguridade elaborados

–          necesidades do artista

–          horarios de probas e concerto

–          datos do promotor, artista, equipo técnico…

–          necesidades de persoal cubertas: dirección de produción, persoal de traballo en altura (climbers, riggers…), persoal de carga e descarga, backliners, stage manager, persoal de montaxe e desmontaxe, runners… e non podemos olvidar nunca a hospitalidade para o equipo, no caso de ser precisa.

Todo isto deberemos telo elaborado nun calendario, planificado e confirmado con cada persoa implicada.

 

1. A montaxe

Para a montaxe precisaremos de maquinaria especial para poder mover todo o material preciso. Dependendo do recinto no que vaiamos realizar o evento, poderemos usar un material ou outro: carretillas elevadoras, grúas, etc. Por outro lado, temos que estar comunicados, tanto dentro do recinto (por walkies, por exemplo) como co exterior, polo que debemos ter sempre unha oficina móbil de produción con teléfono, internet, etc.

Tendo en conta isto, comezaremos a montaxe cos principais traballos que serán:

–          Delimitar o espacio: debemos delimitar as distintas areas do espacio, como zonas de paso, a frontal do escenario, backstage…

–          Montaxe de cameríns, oficinas, etc

–          Montaxe do escenario: escenario e accesos ao mesmo, sinalizados e iluminados.

–          Conexións eléctricas: tomas de terra, diferenciais, cubrecables…

–          Tamén pode presentarse o caso de que precisemos ubicar bares, elementos de publicidade, zonas de merchandising…

 

2. O equipamento técnico

–          Montaxe do equipo de son e iluminación

–          Montaxe do backline

–          Montaxe de calquera outro tipo de material: proxectores, pantallas, etc.

Todo este material ten que estar colocado para a chegada do artista, para poder realizar as probas de son correctamente.

 

3. A recepción do artista

Se por contrato está así reflictido, seremos os responsables de coordinar todos os tranfers do artista dende a súa chegada á cidade, dende recoller no aeroporto, os traslados ao hotel, ao recinto do evento etc.

Cando o artista chega ao recinto, hai que ter disposto o camerín e, como xa comentamos antes, todo o equipo disposto e en funcionamento para que poida comprobar o son antes do concerto.

É moi importante respectar e cumprir os tempos de montaxe e probas, xa que veñen pechados dende a pre-produción e non se debe chegar o día do evento e ir con retrasos na montaxe por parte do equipo técnico ou do artista, que debe respetar os horarios de probas dentro da normalidade e tempos estipulados na folla de ruta.

En casos de fallos de materiais e outras incidencias, hai que calibrar segundo o tempo que temos e o que pode levar arrancar as complicacións.

 

4. O remate da produción

Unha vez finalizado o evento, deberemos facer todas as tarefas inversas ás da montaxe. É dicir, procederemos á desmontaxe de equipos e materiais utilizados. Tamén é o momento de encargarnos dos temas relacionados coa administración: pagos, informes finais, etc.

 

 

GLOSARIO

Para rematar, aquí deixamos un glosario con algúns dos termos máis importantes dos utilizados na produción de eventos:

.BACKLINE: instrumentos musicais que usamos nun concerto para a realización do mesmo. Podemos alugalo ou o propio artista pode facer uso do seu propio.

.BACKLINER: técnico de backline, responsable dos instrumentos musicais en ruta, ou da montaxe dos mesmos no escenario. Tamén controlan o estado do material.

.BACKSTAGE: chamamos así á zona ( acostumamos a acotala ) onde se sitúa a parte traseira do escenario.

.CATERING: productos comestibles que se poñen a disposición do artista según o seu rider de hospitalidade.

.CLIMBER: escalador. Persoa encargada de suministrar o material de ferro ao personal de montaxe de escenario.

.CONTRARIDER: proposta alternativa de equipo proposto pola empresa de produción cando non dispoñemos do equipo exacto especificado por rider.

.MERCHANDISING: obxectos promocionais do artista : cd, camisetas, etc…

.PERSOAL DE CARGA E DESCARGA: é o persoal de apoio para realizar as tarefas da carga e descarga do material preciso para a produción.

.RIDER: documento no que se especifican as condicións e particularidades técnicas, de hospitalidade, etc, do artista para a realización do concerto.

.RIGUER: técnicos especialistas en alturas e encargados de calcular as cargas para a suxeción de estructuras colgadas de elementos fixos para volar equipos, etc.

.ROADMANAGER: é o asistente do artista nos desprazamentos e xiras. Coordina aloxamentos, horarios, etc…

.SCAFFOLDER: persoa que realiza a montaxe do escenario.

.STAGE MANAGER: tamén lle chamamos rexedor. Leva a cabo a coordinación no escenario.

.STAGE PLOT: plano de escenario que normalmente vai adxunto no rider.