No 1927 estreábase Metropolis, o distópico filme de Fritz Lang, obra culmen do expresionismo alemán. O cartaz desta fantasía futurista fora creado un ano antes por Heinz Schulz-Neudamm e tratátabe dunha litografía de 92,7 x 205,7 cm do que so se conservan catro copias coñecidas, uhna delas vendida en Sotheby´s como o cartaz cinematográfico máis caro da historia. Nel podíase ver ao robot humanoide creado polo científico Rotwang sobre unha arquitectura urbana de corte racionalista e tipografia Art Decó.
A partires deste primeiro orixinal xurdiron innumerables adaptacións e versións, tanto na propia Alemaña, como nos outros países de estrea, dando lugar a un catálogo riquísimo de lecturas dunha mesma peza, unha viaxe por diferentes lugares e estilos visuais.
Unha das maiores producións gráficas desas variantes, tanto en calidade como en cantidade, foi desenvolvida por Boris Bilinsky, artista ruso vencellado ao cine e o teatro que foi escollido pola distribuidora francesa ACE para compoñer todo o material publicitario do filme nese país. O poster da dereita, creado en 1927, foi reutilizado como grafismo da versión restaurada e completa en blu-ray que se editou no 2010, trala recuperación de metraxe que se cría perdido.
Un bo exemplo de que determinadas propostas visuais que se asocian ou parecen exclusivas dunha época concreta existían dende hai tempo e incluso aplicados a diferentes contextos ao orixinal, poden ser estas dúas portadas da revista Vogue, a da esquerda do mesmo ano de lanzamento do filme e a da dereita décadas despois.
Moito máis alo de todo este percorrido visual gráfico, a iconografía creada por Lang repercutiu de forma chave no mundo da ciencia ficción tanto na literatura (1984, Farenheit 451), o cinema (Blade Runner, El quinto Elemento, Matrix, Minority Report), e mesmo a cultura popular. Queen empregou imaxes do filme no videoclip da súa canción “Radio Gaga”, título do que toma o seu nome a omnipresente Lady Gaga que, á súa vez, aparece como unha accidentada robot na coreografía do seu videoclip “Paparazzi”. Pechando o círculo. O mesmo fixeron Kylie Minogue, Beyoncé e a máis recente Janelle Monae. Porque parece que nos tempos que corren non vas a ningures como estrela feminina do pop sen vestir a túa pel, polo menos unha vez na vida, baixo o metal da dourada personaxe.
Metropolis confirma a premisa de que ata os enfoques máis orixinais empregan e adaptan elementos do pasado afastado ou recente.