Continuamos o artigo que arrancamos a semana pasada, no que aventuramos dez claves que encontramos detrás dos proxectos culturais máis interesantes pensados desde e para o rural. Aquí van os cinco últimos:
6. “Moito temos bailado aquí”. Reinterpretar espazos é resucitar lugares
As aldeas, os barrios, as cidades están cheas de espazos que perderon o seu uso orixinal. Nalgúns casos foron reaproveitados, noutros quedaron como zonas de sombra vítimas do despoboamento, o cambio nos usos sociais ou o simple desleixo urbanístico. Son carreiros polos que ninguén pasa, soares abandonados, construcións sen uso, terreos fértiles en historias. Recuperar culturalmente eses espazos pode ser o mellor inicio para a rehabilitación integral dos lugares nos que se insiren.
El Tablero é unha aldea do extrarradio de Santa Cruz de Tenerife no que o rural e o urbano se confunden de maneira desordenada. O resultado é unha morea de espazos baleiros, de transición, que foron algo e xa non son nada. Sobre eses espazos traballa o festival rural de creación Las Eras de El Tablero, no que as intervencións artísticas e sociais dan nova vida ás “eras”, crean cultura nun lugar á marxe da actividade institucional, poñen o foco nas carencias do barrio e reclaman respecto para os seus veciños.
7. “Cada un na súa leira que faga o que queira”. Experimenta que o campo é ancho
Esquezamos o tópico do control exhaustivo da vida social nas aldeas fronte á liberdade anónima da cidade: o rural ofrece marxe de manobra para a experimentación artística. O campo é grande e hai espazo para sachar todo tipo de virtudes. Hai xa tempo que se puxeron de moda as residencias artísticas no medio da natureza ou en aldeas pouco transitadas. Máis aló do seu maior ou menor oportunismo, no rural están a abrollar espazos de creación experimental permeables coa realidade que os rodea.
alg-a, un dos núcleos máis activos de vangarda creativa en Galicia, ten o seu centro de operacións na parroquia viguesa de Valadares. É o alg-a lab, un laboratorio onde se realizan obradoiros, festivais, residencias artísticas… Un espazo para compartir experiencias e coñecementos que abranguen dende a experimentación artística ao traballo da terra, sen trazar límites claros entre as disciplinas. Foi un dos espazos escollidos para o programa Campo Adentro, un ambicioso proxecto institucional para cruzar arte e agro.
8. “Eu sonche un artista da poda”. A agricultura é cultura; a cultura é agricultura
A propia semántica o deixa claro: do que se trata é de cultivar, darlle forma á materia para que medren froitos proveitosos. Agricultura e cultura parecen ámbitos afastados, cando en esencia comparten obxectivos e incluso técnicas. Boa falta fai un pouco de promiscuidade: labregos que cultiven outras artes, artistas que cultiven outras hortas.
Caldo de cultivo é un proxecto radical de tan simple: cultivar unha horta é facer cultura. Músicos, arquitectos, poetas e sobre todo labradores cultivan unha horta no Deza, na parroquia lalinense de Donramiro, e arredor desa horta xorden composicións, poemas, debuxos, receitas e outras verzas. Todo iso acabou reunido nun fermoso artefacto editorial. Os responsables: o Focucu, Foro para cultivos culturais.
9. “Ti que es estudado e sabes moitas cousas” Coñecer o rural para entender o mundo
Ademais de sufrilo e gozalo, por que non facer do rural materia académica? Os saberes que herdamos de avós e avoas, nais e pais vanse perdendo de maneira acelerada. Forman un patrimonio cultural inmenso ao que se unen novos coñecementos para un desenvolvemento sostible do medio rural. Non hai que ter medo do academicismo: tamén se debe reflexionar, debater, rexistrar e ensinar os saberes ligados á terra.
Nesa liña traballa a Universidad Rural Paulo Freire, que promoven colectivos de varias comarcas agrícolas e gandeiras de Castilla, Andalucía, a cordilleira cantábrica e Galicia (o Eume), unidos polo obxectivo de contribuír a un rural vivo. Os medios: un proxecto pedagóxico que inclúe cátedras en xestión do territorio, construción con terra, sementes e variedades locais e outras moitas materias.
10. “Fixeron autovías para non ter que pasar polos pobos de provincias”. É hora de reinventar as verbenas
Chorando aprendemos que o deseño actual das infraestruturas de comunicación promove que a xente salte de cidade en cidade evitando pasar polas aldeas. Se cadra as industrias culturais deben cuestionarse este modelo e mirar cara ao rural: e se teñen aí un mercado que apenas contemplaron? En plena crise as verbenas manteñen o seu vigor, ao igual que moitas feiras. Non é fácil introducir novas propostas en formatos tan estandarizados: parece que hai un entendemento perfecto entre a oferta e a demanda actuais. O que ofrecen as orquestras satisfai á maior parte do público das verbenas, pero non por iso hai que presupoñer unha resistencia absoluta a novas propostas.
Non traio aquí un exemplo, só a unha intuición: o modelo actual no que as verbenas se sosteñen na combinación de orquestras e bombas de palenque non é inmutable. É posible unha programación das festas parroquiais máis diversa e cos veciños como protagonistas. É posible sorprender. Teatro, cine, outras músicas, exposicións, actividades lúdicas, imaxinación gastronómica… As 3.792 parroquias de Galicia agardan.