Un punto de encontro entre o mundo dos libros e os lectores e lectoras máis novos
A primeira edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra celebrouse no ano 1999, como resposta á iniciativa dun grupo de persoas que devecían por un espazo que servise de punto de encontro entre o mundo dos libros e o mundo dos lectores e lectoras máis novos. A Concellaría de Cultura sintonizou co proxecto e apoiouno con medios estruturais e económicos, pasando a se converter posteriormente en entidade promotora.
Co tempo, o Salón medrou en todos os sentidos: na superficie dedicada, nas exposicións, na ambientación, nas actividades, no número de entidades participantes, en complexidade e, naturalmente, en resultados en canto a número de visitantes e en proxección social e educativa. Pero o proxecto intentou sempre manter os seus sinais de identidade: o espírito aberto e participativo, a colaboración de numerosas institucións públicas e privadas, a dedicación cada ano a un tema diferente que sirva de núcleo aglutinador de ideas e actividades, o protagonismo absoluto do libro en todas as súas facetas e o seu achegamento cálido, ameno e instrutivo ao lector.
A parceira de NóComún Helena Torres estivo presente no proxecto dende o seu nacemento. Foi auxiliar de coordinación dende 1999 ata 2004, coordinadora en 2005 e 2006 e directora do 2007 ao 2009. Se algo caracterizou ao Salón do Libro baixo a súa coordinación foi a vontade de aglutinar esforzos, chegando a contar coa participación desinteresada de trinta colectivos e preto de cincuenta centros escolares. Helena e o seu equipo conseguiron que moitos centros de ensino de toda Galicia traballasen no tema central do salón, ao redor do cal deseñaban un completo programa de actividades de todas as disciplinas para nenas e nenos e tamén para adultos. Baixo a súa coordinación estableceuse tamén a figura do autor homenaxeado, que ata a súa marcha da dirección do Salón recibiran Neira Vilas e Anisia Miranda, Bernardino Graña, Mª Victoria Moreno, Xabier P. Docampo e Fina Casalderrey.
Organiza: MáisLibros
Datas: 1999 – 2009
Traballamos con: Agpi, Gálix, AS-PG, Ovo Publicidade, Teresa Cuíñas, Elisa Gianni, Escola de Tempo Libre Paspallás, Pavís Pavós