RuralActual

Unha plataforma para conectar a creatividade do medio rural

RuralActual é unha plataforma para a colaboración, o intercambio e a difusión dos proxectos culturais ou creativos que operan en e para o medio rural, favorecendo a dinamización social e o desenvolvemento sustentable dos territorios nos que actúan. O proxecto nace coa vontade de dinamizar o medio rural, contribuír a transformar as visións obsoletas sobre o mesmo e, sobre todo, conectar as experiencias que se desenvolven en distintos lugares da Península Ibérica, multiplicando as posibilidades dos proxectos xa existentes e propiciando a creación doutros novos.

Aínda que o proxecto aspira a crecer a medio prazo, inicialmente basearase nunha plataforma online, actualmente en desenvolvemento. Terá como obxectivos visibilizar, conectar e impulsar, para o que se estruturará en tres apartados: proxectos (un catálogo que inclúe as máis interesantes e innovadores propostas creativas no rural de España e Portugal), actualidade (unha sección para divulgar, reflexionar e expandir coñecemento) e conexións (un espazo para o intercambio de información, opinións, recursos, procesos; punto de encontro entre axentes interesados nos proxectos innovadores no rural).

RuralActual é un proxecto de Mariana Cancela, Bea García (Micelios), Moisés Álvarez e Sonia Díaz . Únenlles os seus coñecementos e interese persoal e profesional na creación e xestión cultural no medio rural. As súas experiencias neste terreo servíronlles para constatar que hai un importante número de propostas de gran interese, pero pouco conectadas e mal coñecidas fóra do ámbito local. Co obxectivo de cambiar esa situación, decidiron pór en marcha RuralActual. Carlos Lorenzo encargouse do deseño e programación da web, xunto con Carlos Macías.

Dirixe: Bea García (Micelios), Moisés Álvarez (NóComún),
Traballamos con: Carlos Macías, Elena J. Gómez.