A gran Feira das Industrias Culturais de Galicia
A gran Feira das Industrias Culturais de Galicia non é unha feira ao uso. A actividade profesional compleméntase cunha extensa programación cultural e o recinto de postos de venda e exposición convírtese nun escaparate privilexiado no que a sociedade galega pode coñecer de primeira man as últimas novidades editoriais, musicais, escénicas, audiovisuais, do deseño, das novas tecnoloxías…
Culturgal naceu en 2007, da man da Asociación Galega de Editores (AGE), co obxectivo de fixar un encontro anual de referencia obrigada tanto para profesionais como para o público xeral. A idea callou de xeito inmediato, sobre todo, entre as empresas e os profesionais da cultura. En xullo de 2010, os máis importantes colectivos do sector crearon unha asociación intergremial e organizaron, de xeito conxunto, a terceira edición da Feira. Artellado como o gran fogar da cultural galega, coas portas e ventás abertas para toda a sociedade, Culturgal constituiu nas súas dúas últimas edicións un espazo de construción colectiva con todas as súas estancias -o salón, o patio, o faiado, a recámara, o cuarto dos nenos e os corredores- cheas de música, literatura, creación audiovisual, artes escénicas, deseño e novas tecnoloxías. Unha oportunidade única de coñecer o que se coce na cultura galega.
NóComún formou parte do proxecto dende 2010, ano no que Sonia Díaz se fixo cargo da comunicación e Émerson Díaz realizou as fotografías do evento. En maio de 2011, a xunta directiva da Asociación Culturgal nomeou a Sergio Lago director da Feira das Industrias Culturais, logo dun longo proceso de selección de propostas. Formouse un equipo de traballo no que participou a maior parte dos parceiros de NóComún asumindo diferentes tarefas: comunicación (Sonia Díaz e Lorena Seijo), programación de contidos (Moisés Álvarez e Helena Torres), produción (Ana Cunqueiro e María Galdón) e fotografía e audiovisual (Émerson Díaz e Xes Chapela). Este equipo desenvolveu dúas edicións da feira: a de 2011 e a de 2012. En maio de 2013, o equipo despediuse do proxecto, polo que seguimos conservando un enorme cariño.
Organiza: Asociación Culturgal
Datas: 2007 – 2008 – 2010 – 2011 – 2012
Traballamos con: Cristina Labandeira, Roberto Fernández, Ra García, Ceo Aberto (2011), Esmeralda L. Castro, Don Gráfica, Logoferoz, Ovo Publicidade (2010), Zinqin Audiovisual (2010)…