Na actualidade aos nosos nenos e nenas, como se di popularmente, “todo lles entra polos ollos”. Están expostos diariamente a milleiros de imaxes que non sempre interpretan da forma máis axeitada. Ao mesmo tempo, viven nun mundo audiovisual no que é imprescindible que, ademais de saber interpretar o que reciben, saiban tamén compoñer a súa propia mensaxe a través das técnicas do audiovisual. Contar a súa propia película.
O obradoiro está deseñado para iniciar o alumnado na narración audiovisual a partir da participación activa e conta con material didáctico elaborado polo monitor, Xes Chapela. Durante o proceso formativo, todo o grupo elabora de xeito colectivo unha curtametraxe, unha pequena película, da que se fará ao final do curso unha presentación pública.
O grupo escollerá unha idea para traballar en conxunto, ben a partir dunha temática, como a intolerancia, ben a partir dun xénero, como a reportaxe televisiva. Elaborarase un guión para a peza audiovisual e dividirase o grupo en distintos equipos de traballo con responsabilidades concretas: dirección, fotografía, son, vestiario, actrices e actores, música, produción… Despois da fase de planificación, comezará a gravación. Seguirá a montaxe. E, finalmente, presentarase publicamente o traballo realizado.
A linguaxe audiovisual
Farase unha pequena aproximación á linguaxe audiovisual e os seus significados. Como se comunica coa imaxe? Que é o primeiro que se transmite? Por que impactan unhas imaxes e outras non? As análises acompañarase de proxeccións e prácticas de gravación. Para terminar coas propostas de traballo conxunto.
Da idea á edición: o equipo e o guión
Conformaranse os diferentes equipos no proceso da creación audiovisual, elaborarase o guión e comezaremos coas primeiras prácticas para realizar a nosa peza audiovisual.
Os xéneros e os formatos. A produción.
Aproximarémonos ao interesante mundo da produción audiovisual, organizaremos a gravación, xa que non é todo tan fácil como ter unha cámara e darlle a REC. Ademais, pensaremos en que discurso queremos contar e a través de que xénero: a comedia, o terror, a reportaxe…
A montaxe
Tras a gravación do material, é importante saber como imos montar ou compoñer a nosa historia. Como iniciamos, que necesitamos para darlle continuidade… e como finalizamos.
Proxección e debate
Para finalmente ter un bo produto que poder proxectar e do que non sintamos orgullosos.