Tivemos un comezo de ano intenso cun maio movido no que se materializaron parte dos nosos traballos. Gozamos colaborando en diversos proxectos e eventos da música e do cine en Galicia, así como doutros proxectos literario-gastronómicos, de difusión de proxectos da cultura rural e mariñeira…
E parece que os festivais gostan de NóComún e NóComún deles, por suposto. Bailamos ao ritmo do Festival Reperkusión, con Manu Chao e máis de 21.000 persoas que se achegaron á Cidade dos Muchachos en Ourense. E co bicho no corpo unímonos a A tribo todo o baila, coordinando a comunicación do concerto co que Os Resentidos celebraron o seu 30º aniversario na compaña doutros 20 artistas galegos. Vivimos momentos históricos homenaxeando ao cantautor portugués Zeca Afonso e a canción ‘Grândola, Vila Morena’ no Festival Terra da Fraternidade, no que participaron máis de 100 artistas.
Un ano máis, NóComún encargouse da comunicación do Festival de Cans, unha mostra de curtametraxes galega que se converte nunha romaría cultural. Introducímonos no cine experimental a través do (S8) 3ª Mostra de Cinema Periférico da Coruña, un festival cun concepto único e innovador da creación cinematográfica contemporánea. Presentamos ‘Lobos‘ unha curta documental que se nutre dos relatos orais deste animal para reflectir a vida desde as montañas fronteirizas da aldea e San Pedro de Pousada no concello ourensán de Riós. E xestionamos a relación cos medios e a presenza na rede dos Premios Mestre Mateo, que se celebran cada ano da man da Academia Galega do Audiovisual nunha gala na que fan balance e reivindican a creatividade e a profesionalidade do audiovisual galego.
Neste 2012 coordinamos e deseñamos unha nova web que reflicte online a personalidade de A Punto, un centro cultural do gusto, único ubicado no centro de Madrid e que acolle un abano de posibilidades culinarias como librería especializada, escola de cociña, sala de catas, centro cultural e de eventos. Estamos a pór en marcha RuralActual, unha plataforma para conectar a creatividade do medio rural, para a colaboración, o intercambio e a difusión dos proxectos culturais ou creativos que operan en e para o medio rural. Desenvolvemos o proxecto divulgativo da cultura e a gastronomía mariñeira do Levante Almeriense, Sabor a mar. Creamos Aventura na Eira, unha unidade didáctica interactiva na que se dá a coñecer ao alumnado as consecuencias do cambio climático a través dunha historia hipotética na que os veciños e veciñas dun pequeno pobo galego deciden adaptarse colectivamente ás novas circunstancias ambientais e económicas. Traballamos con Agareso, a Asociación Galega de Reporteiros Solidarios, unha organización sen ánimo de lucro que aposta pola comunicación para o desenvolvemento dos pobos. E Culturgal, a Feira das Industrias Culturais de Galicia, renovou a súa confianza en NóComún, un ano máis o equipo de traballo repite experiencia con novos propostas e proxectos sobre a mesa.
Desexosos de máis xa estamos preparando o Festival Revenidas, os cursos de fotografía, redes sociais, audiovisual e narrativa para escolares e toda a programación do Culturgal 2012!!