O Consello de Ministros aprobou o pasado venres un paquete de medidas para “garantir a estabilidade orzamentaria” e “fomentar a competitividade”. Varias destas medidas, especialmente as relativas aos “ingresos tributarios para garantir o cumprimento do déficit”, afectan directamente ao noso traballo como traballadores e traballadoras autónomas:
1) A partir do 1 de setembro, o IVE xeral pasa do 18% ao 21% e o gravame reducido, do 8% ao 10%. Reclasificanse e pasan ao novo tipo xeral moitos bens e servizos, como os cinemas, teatros, circos ou discotecas e os soldos dos artistas, que pasan -todos eles- de cotizar un 8% a cotizar un 21%, o que supón unha suba do 162.5%.
2) As retencións de IRPF por rendementos de actividades profesionais e o ingreso a conta por rendas do traballo derivados de impartir cursos, seminarios ou conferencias elevaranse do 15% ao 21% desde o 1 de agosto de 2012 até o 31 de decembro de 2013. Despois dese momento establecerase no 19%.
Traduzamos estas cifras á nosa realidade. En NóComún somos traballadores da comunicación e da cultura, ofrecemos servizos e non temos uns gastos fixos moi altos. Elixindo a base de cotización máis baixa que permite a lei (polo de agora), aplicando o IRPF anunciado polo Consello de Ministros e eliminando calquera investimento en seguros privados, formación, investigación e desenvolvemento, financiamento de proxectos ou previsión de impagos, as contas quedarían máis ou menos así.
Gráfico: Lucía Rolle, la Hermana Fea.
Os traballadores autónomos españois necesitamos facturar (e cobrar) 2.372 euros cada mes, 28.474 euros cada ano, para poder dispor dun soldo mileurista, sen vacacións, sen paga extra e sen prestacións. Sen marxe para melloras de ningún tipo e sen perspectivas de crecemento. Non parece que estas medidas estean destinadas a fomentar a nosa competitividade. A duras penas permiten a nosa supervivencia.