Audiovisual aplicado a unha Intervención Artística

CLIENTE: MERCEDES PEÓN

O reto: A realización audiovisual dun site specific

Poder traballar con Mercedes Peón e o seu equipo constituíu a principal motivación para aceptar o reto da realización audiovisual desta intervención artística. NóComún estivo presente nunha experiencia irrepetible, coa coordinación audiovisual de Xes Chapela, pero tamén coa asistencia de Sergio Lago e Cristina Domínguez.

Foto: OVIDIO ALDEGUNDE

 

Mercedes Peón representa parte da vangarda de Galicia no eido da música. Unha das artistas máis premiadas no panorama nacional e internacional. Isué (2000), Ajrú (2003), Sihá (2007) e SÓS (2010), catro álbumes que colleitaron recoñecemento alén das nosas fronteiras, entre outros o “Nº1 da World Musica Charts Euope 2011”, “Premio Nacional da Cultura 2008” ou “Mellor Artista do Ano polo Magazine FolkWorld”,

O que admiramos en Mercedes é a súa inquedanza artística e o seu atrevemento á hora de afrontar novos traballos. Sempre subindo chanzos, arriscando nas súas propostas e provocando inevitablemente reaccións na audiencia.

Pois ben, o reto consistiu na realización dunha peza audiovisual que amosa o acontecido na Cidade da Cultura. Un retrato da intervención coa maior fidelidade á proposta conceptual que así define Mercedes:

“Instalarse como obra escultórica coa súa banda nunha parte do Museo e, dende alí, non intervir sonoramente no espazo. O son irá amplificado a través de escoitas individuais, as persoas terán unha emoción sonora, potente, sen ocupar espazo físico.Todo elo através da obra SÓS e sen perder de vista a magnitude e obra en si mesma da Cidade. Cunha mínima intervención pero moi pensada e reflexionada, Suso Basterrechea aporta unha instalación, instalación minimalista e chea de tensión, frialdade, estática con só movementos naturais pola propia física provocados pola orixinalidade do seu pensamenteo.  Todo pensado para provocar itinerancia”.

O equipo para desenvolver a intervención contou coa complicidade de Ovidio Aldegunde (grabacións usadas na instalación), Banda composta por Manuel Alonso, Manuel Cebrián, Ana García e a propia Mercedes Peón. A produción foi da man de Natalia Balseiro.

Obxectivos cumpridos

A realización plantexouse a partir dos conceptos manexados por Mercedes; “frío, intriga, protesta, simbólico, itinerancia e libre albedrío”. Amosar sen intervir na proposta, reflectir sen artificios, deixarse levar polo son e camiñar. Traballamos con pulcritude, exixencia e respecto para non alonxarnos da liña conceptual marcada por Mercedes.

De tal xeito que xunto coa colaboración de Javier Alonso localizamos o escenario na Cidade da Cultura, e planificamos a realización da peza . Co traballo do segundo operador de cámara, Kako, definimos o equipo durante a intervención. E con Mercedes percorrimos o proceso da creación audiovisual, de xeito tranquilo, honesto e de aprendizaxe mutua. O son en directo foi recollido impecable por José Puga.

Balance do traballo feito

Como coordinador desta peza audiovisual, estou dobremente satisfeito. Por estar presente na intervención sonora de Mercedes no museo da Cidade de Cultura, e por poder traballar cun equipo fantástico de artistas e profesionais. A intervención resultou brillante, chea de impredicibilidade e complicidade por todos e todas as que alí estivemos. As emocións e os estímulos provocados ocuparon o baleiro do espazo acadando o teito máis alto da CdC.

NóComún estivo presente a través da ollada de Cristina Domínguez. “Era a primeira vez que asistía a unha intervención sonora nun espazo artístico baleiro. Un espazo que Mercedes Peón soubo encher facéndonos vivir unha experiencia intensa e nalgúns momentos desbordantes. As emocións musicais que transmitía convidaban a bailar polos rincóns. Subir as escaleiras mecánicas ao ritmo do seu son ou observar o Gaiás a través das fiestras sen deixar de mover o pé para seguir a música de Mercedes Peón convertiu esta intervención nun paseo inesquecible. Un paseo no que o Museo cobrou vida”.

Outro comuneiro, Sergio Lago tamén asistiu á intervención “De todas as veces que teño escoitado ao vivo a Mercedes Peón quédome sen dúbida con aquelas na que as distancias eran moi curtas. Nesta ocasión tivemos que realizar un longo percorrido entre a grandilocuencia dun espazo baleiro para chegar, por fin, ao contido, á emoción do encontro coa artista que estaba a agardar polo seu público. Metáfora intencionada ou non, resúltame difícil pensar nunha proposta máis acertada para reflexionar sobre a relación entre a Cidade do Gaiás e o feito cultural e creativo”

Mercedes Peón resume do seguinte xeito a colaboración. “Se teño que definir o traballo de Xes Chapela é de calidade, técnico e sensible. Coñecino a través do altruiso e a xenerosidade ao cederme unhas imaxes que sabía que gravaran no Teatro Principal de Pontevedra. Cedeumas sen máis, polo gusto de que as utilizase. Sabela Pernas e eu tiñamos toda unha loxística montada no teatro pero sen cámaras e imaxes ao nivel que despois ao manipular as súas quedámonos emocionadas do material incrible que nos cederan. Proposta na Cidade da Cultura, acción sonora, plástica, escultórica, conceptual. Grabación exquisita, edición, montaxe….Xes Chapela, Javier Alonso e Kako.”