Sons mestizos á beira do mar de Vilaxoán
¿Que son As Revenidas? Para comezar son: sardiñas salgadas e asadas na grella. Entón, ¿estamos falando dunha festa gastronómica? En Galicia todas o son, pero neste caso tras nove anos de traballo e aposta pola calidade, As Revenidas convertéronse en moito máis ca iso, sen menospreciar a sardiñada que congrega ao redor do parque a centos de persoas para disfrutar en familia da festa.
As Revenidas xa é unha cita anual imprescindible no calendario dos festivais galegos. Ao lado do mar, no pobo mariñeiro de Vilaxoán, reúnense cada mes de xullo artistas de dentro e de fóra, unidos por sons mestizos á vez que de marcado carácter popular. Artistas que acompañan e promoven a festa, e reivindican a cultura e o espazo público como patrimonio dos cidadáns.
Inglés, galego, castelán, euskera.. todas as linguas teñen cabida neste encontro, que ademais de música tamén ten espazo para expresión artísticas como o teatro, o circo, a maxia…
No 2012 As Revenidas deu un paso máis cara a profesionalización do festival e optou por facer os concertos de ámbolas dúas xornadas de pago, pero a un prezo asumible polo público. Por primeira vez tamén decidiron contratar un equipo de comunicación que lles axudara na estratexia de difusión do festival, no contacto cos medios, na elaboración de reportaxes, en definitiva, un equipo de comunicadores que lles axudara a que o festival poidera recadar os fondos suficientes, entre a venda de entradas e o consumo de comida e bebida, para sobrevivir un ano máis. Unha función imprescindible, xa que o festival optou por non invertir cartos en publicidade e os fondos públicos víronse reducidos.
A xornalista Lorena Seijo e o fotógrafo Emerson Díaz conformaron este equipo, e integráronse desde o primeiro momento na dinámica de traballo da Asociación Repichoca, responsable do festival. A estratexia de difusión da información nas redes sociais funcionou especialmente ben neste festival, e os medios tradicionais tamén responderon positivamente as propostas comunicativas realizadas desde a organización.
Este 2013 repetimos experiencia. Ampliouse o cartaz do festival, aumentáronse os días de festa e integráronse novas iniciativas culturais para seguir facendo das Revenidas un dos principais festivais de Galicia e da música en galego.
Organiza: Asociación Repichoca de Vilaxoán
Datas: 2012, 2013
Traballamos con: Jarabato S.L, Caramuxo Camisolas, David Lages e Desafío Digital