O obxectivo principal do Obradoiro de creación audiovisual con dispositivos móbiles é que as persoas asistentes aprendan a sacar o máximo partido das ferramentas que teñen á súa disposición para expresarse a través do vídeo. Hoxendía, gravamos continuamente vídeos cos nosos móbiles, realizando moitas veces pezas dunha gran creatividade. Uns sinxelos consellos permitiríannos controlar moito máis o resultado… e divertirnos no proceso!
Competencias
Conceptuais
Capacidade para analizar o relato audiovisual e os seus elementos, distinguindo entre a historia, a imaxe, o son e a montaxe
Capacidade para distinguir os elementos identitarios do relato audiovisual, facendo especial fincapé na lingua, a perspectiva de xénero e as outras posibles dimensións identitarias presentes no grupo: rural/urbano, persoas con discapacidade, colectivos en perigo de exclusión, etc.
Destreza na construción de relatos audiovisuais e capacidade para verquer a súa propia identidade neses relatos
Procedimentais
Capacidade para converer unha idea ou unha situación nunha peza audiovisual: estruturando o discurso nun guión literario, planificando a posta en escea e os recursos necesarios para desenvolvela nun guión técnico, rexistrando as imaxes e o audio cos seus propios dispositivos, visionando e seleccionando aquelas que mellor se axeiten á idea orixinal e artellando todos os elementos nunha pequena peza de lectura colectiva
Actitudinais
Capacidade para coñecer, analizar e representar os trazos definitorios da propia identidade
Capacidade de razonamento crítico á hora de enfrontarse aos procesos de creación
Capacidade para explorar as posibilidades expresivas da imaxe en movemento
Capacidade para explorar as posibilidades técnicas dos dispositivos móbiles
Metodoloxía
1. Todas as sesións comezan cun xogo básico de presentación que os axudará a tomar conciencia da súa construción identitaria individual e grupal, achegándoos ao resto do grupo e permitíndolles entrar na enerxía do curso e abrir a mirada á materia específica de cada sesión.
2. As primeiras sesións entrelazarán conceptos teóricos coa súa aplicación práctica, a través da análise de pezas audiovisuais específicas escollidas pola mestra e propostas polo alumnado.
3. As últimas sesións serán un exercicio práctico de aplicación dos conceptos básicos aprendidos previamente a través da creación, guionización, preprodución, gravación e montaxe dunha ou varias pezas audiovisuais.
Ficha técnica
Dirixido a mozos e mozas de entre 12 e 35 anos (preferentemente)
Número de participantes: entre 12 e 20 persoas
Duración: a partir de 18h (6 sesións de 3h)
Materiais: teléfonos móbiles, tablets, cámaras compactas (ou non) e ordenadores portátiles
Software: iMovie, Avidemux, VirtualDub, LiVES ou Kino GTK. Instagram ou Vine. Cada quen, o que teña.
Programa de contidos
Sesión 1. Brevísimo achegamento teórico: identidade e representación gráfica, tipos de plano, perspectiva, son e montaxe. Quen somos e como nos contamos. Como se organiza o traballo no audiovisual: equipos e responsabilidades. Como son os nosos dispositivos e cales son as súas posibilidades.
Sesión 2. O importante (sempre) é a historia: o guión. Aprendemos que o guión é, sobre todo, estrutura. Botámoslles un ollo aos formatos: escaleta e storyboard. Eliximos unha historia e pensamos como contala. Definimos as personaxes, organizamos as accións e pensamos como poñelas en escena: escenas, secuencias e planos.
Sesión 3. No audiovisual tamén hai que prever (moito) como facer as cousas: pre-producimos a nosa historia. Hai moitas maneiras de contar un mesmo acontecemento. Algunhas, están fóra do noso alcance. Outras non. Aprendemos a planificar e xestionar os nosos recursos: iluminación, encuadre, movementos de cámara, mash up con vídeos da Internet…
Sesión 4. Na montaxe todo colle sentido. Exploramos Instagram, Vine e outras ferramentas sinxelas. Analizamos tamén o universo vídeoblog e/ou perfís nas redes sociais de base audiovisual e as súas posibilidades narrativas: multidisciplinares ou non, fragmentarias ou non, colectivas ou non, pero sempre sinxelas e accesibles para o alumnado. Decidimos cómo contar o noso proceso creativo.
Sesión 5. Proxecto colectivo (I). Gravamos a nosa historia. Capturamos as imaxes. Revisamos as gravacións, eliximos as imaxes válidas e decidimos se completar con imaxes da Internet, gravar de novo ou comezar coa edición.
Sesión 6. Proxecto colectivo (II). Editamos as imaxes e o son. Visionamos e corriximos entre todos. Subimos as pezas ao vídeoblog do obradoiro e/ou perfís en redes sociais.
As sesións poden desdoblarse en 12 quendas de 1h30 e pode haber máis sesións de traballo no proxecto colectivo e/ou de presentación pública da(s) peza(s).
Pódenche interesar, tamén
Obradoiro de Redes Sociais e Identidade 2.0.
Obradoiro de introdución á fotografía dixital
Obradoiros NC para Escolares
Audiovisual nas aulas
AUPA audiovisual para aprender