Formando e formándonos

Despois destes meses tan sileciosos só podemos dicir aquilo de na casa do ferreiro, coitelo de pau e comprometernos a reconducir a situación, contándovos con máis frecuencia en qué andamos metidos/as. Comezamos esta semana cun dos campos nos que máis traballamos os últimos meses: o da formación. Ultimamente adicamos moito tempo a formarnos, a través de micro-obradoiros especializados con persoas da rede, e a formar, tanto a través da mesma fórmula como a través de obradoiros grupais.

Sabiamos que tiñamos moito que aprender, pero neste tempo démonos conta, tamén, de que temos moito que ofrecer. Seguimos cos Obradoiros NC Para Escolas que xa vos presentaramos o curso pasado: Fotografía, Audiovisual, Redes Sociais e Storytelling. E, para as persoas que se ven fóra das escolas pero queren seguir aprendendo a contar(se), ideamos os Obradoiros NC de creación audiovisual con dispositivos móbiles, Redes Sociais e Identidade 2.0. e Introdución á fotografía dixital, que ofrecemos dentro dos programas formativos dos concellos, ONGs e asociacións de todo tipo (tamén empresariais).

Ademáis, Xes imaxinou un marabilloso taller, Libros, imaxes e curtametraxes, co que visita as bibliotecas de Galicia dentro do programa de dinamización da lectura Ler conta moito, aprendéndolles aos rapaces de entre 12 e 16 anos a realizar as súas propias curtas a partir dos libros que atopan na propia sala de lectura.

E, sen olvidar a dimensión social da comunicación e da cultura, pensamos, da man de Agareso, uns Obradoiros para a Inclusión Social, como os de fotografía que impartiu Émerson con Igaxes en Vigo e con Cordes e ACPP, en El Salvador ou o de radio que impartiu Lorena, tamén con Cordes e ACPP e tamén en El Salvador. Destes dous últimos obradoiros xurdiu unha publicación, Ao Compás das mareas, da que nos sentimos especialmente orgullosos.

O caso, en fin, é seguir aprendendo. Aprender nós e aprenderlle a quen sinte a necesidade de contar a súa historia e non sabe moi ben cómo facelo. Arpendemos con xogos e dinámicas participativas. Aprendemos a facer, facendo. E, de paso, aprendemos a mirar o mundo con outros ollos, que non hai mellor maneira de enfrontarse ás épocas convulsas.

Interésache?

Se che apetece formar parte da rede de microformación, escríbenos e cóntanos de qué sabes e de qué queres saber. Nós sabemos de fotografía, audiovisual, redes sociais, redacción de textos para distintos soportes, organización do traballo creativo, produción de proxectos culturais… E queremos saber de todo o demais. O espazo, en principio, poñémolo nós. Estes pequenos obradoiros nin se pagan nin se cobran, intercámbianse polos coñecementos dos demais.
Se pertences a unha ANPA, Consello escolar ou a unha entidade que ofrece programas de formación a centros educativos; e queres saber máis sobre os Obradoiros NC Para Escolas, escríbenos tamén.
E se tes unha asociación ou colectivo de calquera tipo (si, tamén empresarial); e che parecen interesantes os nosos obradoiros, cóntanos que vos interesaría aprender exactamente. O enfoque da práctica grupal pode (e debe) adaptarse ás necesidades de cada colectivo.