Tres anos pingando ben valen unha festa de aniversario (e benvida)

No post anterior falabámosvos de que este terceiro aniversario nos parecía bo momento para facer tres cousas: reflexionar, festexar e renovarnos. A renovación é un proceso constante e alimentalo é un dos obxectivos principais da xornada “Organizarse en rede. Experiencias de traballo colaborativo entre profesionais independentes”. Pero a verdade é que chegamos ao encontro cos compañeiros e compañeiras do freelancismo cun traballo feito: este organismo vivo e en equilibrio que é NóComún medrou e incorporou catro novos perfís. Presentámosvolos:

O escritor, xornalista e creador todo-terreo Camilo Franco forma parte da nube de NóComún dende o principio, da súa cabeza xurdiron algúns dos nosos proxectos máis queridos. Agora intégrase na rede, coa súa ampla experiencia como xornalista cultural ás costas e co seu repunantismo, a súa xenerosidade e a súa ilimitada capacidade de fabulación a punto de caramelo. Camilo está convencido de que o importante son as historias. De que a maneira na que nos achegamos a elas non é máis que un accidente, unha circunstancia. E de que é cousa do noso tempo xogar coas circunstancias. E demostraranos que a súa afirmación ten fundamento esta mesma noite, na festa de aniversario, xogando con nós e coas circunstancias. Avisamos!

A fotógrafa, cámara e montadora freelance Marián García Mesa coñece á perfección todas as idas e voltas da profesión. Traballa, sobre todo, en documentais de creación e en programas informativos, pero tamén fai fotografía social e publicitaria, series, longametraxes, curtametraxes e programas de televisión. Marián vive na Mariña de Lugo, pero viaxa tanto que o seu riso é coñecido en toda Galicia e en parte do estranxeiro. Se algunha vez vos cruzastes con ela, seguro que a recordades. Coa súa incorporación, reforzamos a área de fotografía e audiovisual, porque a nosa cultura necesita moitas máis fotos e vídeos e a nosa rapazada necesita que lles aprendamos a contarse en imaxes.

Para Carlos Lorenzo o deseño gráfico é moito máis que unha profesión, é unha maneira de vida. Carlos leva “poñendo as cousas bonitas” dende pequeniño. Empezou nun pequeño estudio escaneando facsímiles e rematou como freelance, logo de traballar con grandes contas nos seus máis de dez anos en axencias de publicidade. Coa súa incorporación, fortalecemos a área de deseño, porque o mundo pode ser aínda máis bonito se temos quen nos axude a poñerlle a cor axeitada.

A avogada con formación en técnicas de mediación Sabela Darriba intégrase na rede porque detectamos unha necesidade imperiosa, no sector e en nós mesmos, de asesoría especializada. Sabela insiste en que na industria cultural hai moitas cousas que se poderían mellorar con cambios sinxelos na xestión e aspira a deixar de solucionar problemas porque coa súa axuda aprenderemos a evitalos antes de que xurdan. As súas especialidades son a asesoría legal, as licitacións e concursos públicos e a contratación.

Como vedes, esta noite temos moito que celebrar. Seguimos aquí, medrando xunt@s, acompañando as empresas e colectivos culturais galegos na súa propia transformación e gozando cada día co que facemos. Que máis se pode pedir?

Pois que nos acompañedes na celebración, claro!