Hai uns aniños xa que compartín a miña experiencia coa baixa da autónoma, a famosa prestación por incapacidade temporal ou IT. O texto anda por aquí e, con algunhas pequenas salvidades, aínda é válido. Agora, embarazada de 34 semanas, veño compartirvos o que levo aprendido da xestión desta nova situación, por se vos é útil. Imos alá!
O primeiro que deberiamos saber as mulleres autónomas con intención de procrear (e que eu non sabía) é que, ademais da famosa IT e da baixa de maternidade, hai unha prestación específica para o embarazo. E moito máis vantaxosa para nós. Chámase prestación por risco no embarazo e, aínda que o nome resulta algo confuso, a maioría das traballadoras temos dereito a ela nalgún momento. Non ten que ver cos embarazados de risco. En realidade, é ao revés. A ver se consigo explicalo con claridade.
– Cando o embarazo che xera algunha complicación de saúde ou se tes algún problema de saúde, sen relación co teu traballo, que complica o embarazo, tes dereito á prestación por incapacidade temporal exactamente igual á que terías en calquera outra enfermidade*. É dicir, se tes un embarazo considerado de alto risco ou se as molestias habituais do embarazo che impiden desenvolver a túa vida normal, deberas ir ao teu centro de saúde e pedir a baixa. Problema: a prestación é pequeneira e os gastos de contratación dunha persoa que che cubra a baixa, altos. A parte, pódese dar o caso de que despois teñas problemas para contar coa mesma persoa e acollerte aos beneficios da baixa de maternidade. Por qué as mulleres con IT durante o embarazo sofren unhas condicións tan desvantaxosas é algo escapa á miña comprensión.
– Porque, como vos adiantaba, resulta moito máis vantaxoso acollerse á prestación por risco durante o embarazo, que supón: recibir o 100% da túa base reguladora (no caso da IT vai do 60% ao 75%), non ter que facer fronte á cota de Autónomos durante o período de suspensión de contrato nin á cotización da persoa que contratas para a túa substitución e que a transición á baixa de Maternidade sexa moito máis cómoda e libre de problemas.
Pero, se non estou enferma nin teño un embarazo de risco, porque me van dar a prestación esta? Farei como o resto das mulleres e apencarei traballando ata o final, non?
O habitual é que as molestas do embarazo vaian sendo levadeiras. Que sobrevivamos estoicamente ás miles de horas desperdiciadas nas salas de espera da Seguridade Social… e ás miles de horas extras que teremos que facer para compensalas. E, en fin, que pensemos que podemos (e que debemos) seguir traballando ata o día do parto. Alomenos iso pensei eu. Equivocábame. Todos os traballos supoñen un risco para o embarazo, para o benestar da nai e do feto. A diferenza é o grao de risco e o momento do embarazo no que empeza a darse. Se conduces vehículos pesados, manipulas mercancías perigosas ou estás en contacto con enfermidades contaxiosas -evidentemente- tes un risco moito maior (e máis inmediato) que se traballas atendendo un comercio ou pasando facturas nunha oficina. Pero vai chegar un punto no que sexas incapaz de estar tanto tempo de pé como esixe o traballo no comercio ou tanto tempo sentada como esixe o traballo na oficina. Pode que sexas túzara coma min e te negues a aceptalo ata que che ataque a ciática, se che contraia continuamente o útero, volvan as náuseas do primeiro trimestre, che suba a tensión ou unha suma de todas as anteriores. Se eres máis intelixente e estás máis informada ca min, podes facer o seguinte:
1. Despois da ecografía das 12 semanas, inicia coa túa Mutua o proceso de solicitude de certificado médico sobre a existencia de risco durante o embarazo. Os pasos son os seguintes:
1.1. Pídeslle á túa médica ou médico da Seguridade Social un informe que acredite que estás embarazada, de cantas semanas e cal é a data probable de parto, así como que non tes ningunha enfermidade que dificulte o embarazo. Velaquí un modelo, en castelán.
1.2. Entrégalo na túa Mutua, xunto cunha fotocopia do teu DNI, o Modelo 145, a acreditación de conta bancaria e cunha solicitude como esta, na que explicas en que consiste exactamente o teu traballo, como o adaptaches ao embarazo e, sobre todo, que tarefas son inadaptables e poden afectar negativamente á túa saúde e/ou á do feto no presente ou no futuro. É moi importante que antes de cubrir este formulario leas atentamente algunhas guías de valoración de risco, como a do Ministerio, a da Asociación de Mutuas ou a SEGO. Así saberás cales son os factores de risco que se teñen en conta e poderás valorar correcta e anticipadamente como afectará o teu traballo ao embarazo, aínda que agora non te deas conta.
2. Unha vez recibida esta documentación, a Mutua ten un mes para decidir se se produce ou se pode producir nalgún momento unha situación de risco. Daquela, emitirá unha certificación na que che dirá a partir de que data poderás suspender o contrato e acollerte á prestación.
3. A partir desa data poderás iniciar en calquera momento os trámites para solicitar a prestación. Con isto quero dicir que non tes que pedila exactamente ese día, se por calquera motivo queres continuar algúns días máis, podes. Con respecto a isto, hai algúns detalles que convén que teñas en conta:
– No momento de solicitar a prestación tes que estar afiliada e en alta e tes que estar ao corrente no pagamento de cotas. É dicir, tes que entregar o comprobante do pagamento da cota de Autónomos dese mes.
– Se vas contratar alguén para substituirte e queres acollerte á bonificación á que tes dereito, tes que dala de alta exactamente o mesmo día no que ti colles a “baixa”. E, por certo, esta persoa ten que ser demandante de emprego.
Neste punto me atopo eu, despois de moitas voltas e revoltas. E sigo aprendendo. Hoxe descubrín, por exemplo, que -aínda que estamos obrigadas a cursar a alta da persoa substituta o mesmo día cá nosa baixa- a mutua tarda 24h en facerlle chegar a documentación á Seguridade Social, polo que o contrato de alta bonificado dá -sempre- erro. E a xincana da autónoma, polo tanto, continúa.
Intentarei compartir por aquí o que vaia aprendendo. Se queredes ampliar ou matizar a información, por favor, comentade.
Para ler con tempo
Real Decreto 295/2009, de 6 de marzo, por el que se regulan las prestaciones económicas del sistema de la Seguridad Social por maternidad, paternidad, riesgo durante el embarazo y riesgo durante la lactancia natural
Ley 12/2001, de 9 de julio, de medidas urgentes de reforma del mercado de trabajo para el incremento del empleo y la mejora de su calidad. | Disposición adicional segunda. Bonificacións de cotas de Seguridade Social para os traballadores en período de descanso por maternidade, adopción, acollemento preadoptivo ou permanente e por risco durante o embarazo.
Real Decreto 11/1998, do 4 de setembro, polo que se regulan as bonificacións de cotas á Seguridade Social dos contratos de interinidade que se realicen con persoas desempregadas para substituír a traballadores durante os períodos de descanso por maternidade, adopción e acollemento.
Ley 32/2010 de 5 de agosto, de protección por cese de actividad de los trabajadores autónomos
Ley 20/2007, de 11 de julio, del Estatuto del trabajo autónomo
___
*Os trámites siguen sendo, máis ou menos, estes.