Unha longametraxe documental sobre a memoria e o jazz
Trinta anos despois músicos e amigos vólvense ver as caras. Será a primeira vez dende aqueles días, que mudaron para sempre as súas vidas, deixando na súa memoria unha fonda pegada que arrecende a bos recordos e bos amigos. Mais o tempo transforma e modula as lembranzas e agora o encontro dos vellos amigos que seguiron camiños diferentes, supón unha revisión das experiencias acumuladas. A amizade, o encontro interxeracional e o jazz perante a paisaxe que brindan os recunchos desta vila do Morrazo. As persoas, os sons, os espazos foron mudando baixo o constante ritmo das ondas nas costas de Cangas, coma se unha infinita jam session acompañase a vidas de todos os seus veciños.
Con guión e dirección de Xes Chapela, este traballo obtivo o premio á MELLOR LONGAMETRAXE DOCUMENTAL nos PREMIOS MESTRE MATEO 2010 outorgados pola Academia Galega do Audiovisual.
Unha banda sonora orixinal coa participación dos seguintes músicos: Abe Rábade (piano), Adam Niewood (saxo), Bill Goodwin (batería), Dave Pybus (saxo), Iago Fernández (batería), Javier Pereiro- Gdjazz (trompeta) , Jorge Pardo (saxos, frauta), Juansy Santomé (contrabajo), Max Gómez (bateria), Max Sunyer (guitarra), Paco Charlín (contrabaixo), Peter Delphinich (trompetas), Rubén Carles (contrabaixo), Salvador Niebla (bateria), Santi Quintáns (guitarra), Xan Campos (piano, teclado), Xosé Manuel Budiño (frauta), Zlatko Kaucic (percusión), Juan Rial (bateria) e Antón Campos (contrabaixo).
Produce: Matriuska Producciones.
Data: 2010
Traballamos con: Isaac Palacín, Luis de Santiago, Festival Internacional de Jazz CANJAZZ, Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra, FreeCode Jazz Records, AGADIC, TVG, Concello de Cangas