Lois Pereiro, Lírica Punk
LP, Lírica Punk, non é unha exposición ao uso, como LP, Lois Pereiro, tampouco foi un poeta ao uso. A obra do poeta monfortino, homenaxeado no Día das Letras de 2011, compón un universo creativo singular, unha cartografía da emoción humana, na que Pereiro teceu as súas vivencias persoais cos fíos da cultura universal. Un territorio inquietante, que invita a ser explorado.
Para facelo, a mostra, co-comisariada por Beatriz García e Sonia Díaz, constrúe un camiño de entrada, a través dunha metáfora tan presente na vida do poeta como a do tren. A partir desta metáfora, a exposición convida ás persoas visitantes a realizar un percorrido a través do universo creativo de Lois Pereiro: o seu tempo, a súa disección cirúrxica da realidade, as pegadas da súa traxectoria vital na súa poesía, os referentes tanto literarios como doutras disciplinas artísticas e os seus grandes temas: o amor, a enfermidade e a morte.
Organiza: Verbum
Produce: Micelios
Coordina: Bea García
Conceptualización e contidos: Sonia Díaz e Bea García
Deseño gráfico: Elena J. Gómez
Desenvolvemento expográfico: Rubén Jerónimo
Fabricación e Montaxe: Oh Publicidad