Sen historia non hai nada. Nin xornais, nin películas, nin cancións, nin cadros. Nada. Habitualmente, aos rapaces e rapazas cústalle expresar os seus sentimentos, falar en público, contar as súas experiencias ou proxectarse cara ao futuro e crear historias novas. Ao mesmo tempo, teñen certa dificultade para detectar nas historias que lles son contadas as mensaxes máis importantes… ou o que se di entre liñas. Este obradoiro pretende botarlles unha man e axudarlles a mellorar as súas habilidades comunicativas.
Que hai de tras de cada mensaxe?
Experiencia práctica: o alumnado, dividido en equipos, debe buscar a historia que hai detrás de distintas propostas artísticas (unha canción, unha película, un cadro, etc). Despois, unha persoa de cada equipo explicará a historia ao resto do grupo, que terá que adiviñar, pola súa explicación, cal é a proposta artística orixinal. Así, a través dun xogo participativo e dinámico, aprenderán a enorme importancia que teñen as xerarquías de información e a facilidade coa que se deterioran as mensaxes ao seu paso por distintos emisores e canles.
A quen e para que?
Experiencia práctica: repártense tarxetas entre as persoas do grupo. Cada un terá que facerlle saber algo a outra persoa do colectivo… sen que esa persoa saiba de onde provén a información. Así comprenderán, cun sinxelo xogo de roles, como unha mensaxe pode ter un significado ou outro moi distinto dependendo de quen veña.
Como podemos facelo?
Sempre dende unha perpectiva participativa, analízanse os fundamentos da narración en distintos medios e formatos:
• As personaxes e o punto de vista
• A acción e a estrutura narrativa
• As ferramentas: a palabra, o corpo, a imaxe, o son, etc.
Fagámolo
Finalmente, o grupo constrúe unha historia entre todos e valéndose de elementos de todas as disciplinas creativas. Unha mostra colectiva que quedará rexistrada en tantos soportes como o colectivo decida.
Monitoras:
Lorena Seijo lorenaseijo@nocomun.com
Sonia Díaz sonia@nocomun.com