Hai tres anos que a nosa proposta de organizarnos como rede de profesionais independentes nos eidos da comunicación e a cultura callou en NóComún. Se tres anos son moito ou pouco tempo dependerá da perspectiva coa que se mire, pero desde logo é unha ocasión perfecta para tres cousas: para reflexionar, para festexar e para renovarse. E desas tres cousas vos queremos falar esta semana, comezando neste post pola primeira, a reflexión.
Xa sexa por convicción, estratexia ou instinto de supervivencia, cada vez somos máis os profesionais de ámbitos como a cultura, as TIC, a comunicación e a creatividade en xeral que nos lanzamos a ser patróns de nós mesmos: profesionais independentes ou freelance, sen lazos por arriba (xefes) nin por abaixo (empregados). Fóra da sombra dunha estrutura empresarial pode que o sol quente máis, pero ás veces tamén queima: se por unha banda gañas autonomía, versatilidade e capacidade de decisión, pola outra asoman a precariedade, a inestabilidade e a tendencia á autoexplotación.
Para mitigar os aspectos negativos do freelancismo e non sentirse sos nun océano inzado de tabeiróns, os profesionais independentes necesitamos cooperar con outros e establecer alianzas. Redes estables, colaboracións puntuais, espazos conxuntos de traballo, sociedades flexibles… Hai moitos modelos pensados para dar solucións a todo tipo de necesidades. Non buscamos a fórmula máxica do éxito, senón as claves para escoller o que mellor se adapta ás circunstancias de cada quen.
Para abordar que modelos son máis acaidos, desenvolveremos este venres a xornada “Organizarse en rede. Experiencias de traballo colaborativo entre profesionais independentes”. Facémola en colaboración con Doutroxeito Coworking, no seu espazo en Santiago de Compostela. Tres anos despois de arrancar coa nosa proposta de rede de traballo, coidamos que é un bo momento para reflexionar sobre como cambiou o panorama e que hai de bo e de malo na nosa fórmula e nos outros modelos de rede posibles. Para alentar esta reflexión, convidamos a un encontro horizontal no que compartir experiencias e ideas a uns vinte profesionais da comunicación e a cultura que traballan ou están interesados en traballar dun xeito aberto, flexible e colaborativo.
O propósito da xornada é identificar e valorar necesidades, modelos de colaboración, tipos de relación que se establecen e beneficios e problemáticas máis habituais a partir da propia experiencia. Da xornada agardamos que nos axude a coñecer diferentes formas de organización en rede e a mellorar as dinámicas de traballo, e que no encontro se dea un intercambio de coñecementos, ferramentas e recursos que sexa proveitoso para as persoas que participen. Agardamos compartir a través deste blog as conclusións da xornada, para espallar as ideas arredor das redes que poidan saír dese encontro.
De festexar e renovarse, que boa cousa son as dúas, xa vos falaremos noutro post.