A horta do freelance

A horta podería ser a compañeira inseparable da e do profesional independente. Para unha persoa que está todo o día pegada ao ordenador escribindo, deseñando, contestando mails, falando polo móbil, a horta é unha oportunidade para compensar o exceso de bits cun pouco de terra e, se cadra e de paso, camiñar modestamente cara á autosuficiencia. O freelance verdadeiramente autónomo non pide créditos para mercar cogombros. A freelance verdadeiramente profesional cambia a psicoanálise polos tomates.

Por que unha horta? A min sérveme para tomar o aire, tocar a terra, suar e ser creativo en modo unplugged. Tamén é unha maneira de reducir a dependencia do supermercado. O primeiro ano é posible que gastes máis en cultivar unhas poucas hortalizas do que che custaría mercalas, pero con continuidade este desequilibrio revértese e chega o aforro.

Sexa como sexa, a horta compensa. Require concentración, pero permite evadirse doutros traballos máis absorbentes e menos satisfactorios. A horta ten unha lóxica propia, na que a habilidade, os coñecementos e a oportunidade son importantes, pero non todo está da túa man. A principal razón para que profesionais autónomos que traballamos principalmente con aparellos informáticos cultivemos unha horta é que, por unha vez, xeraremos cousas reais que poderemos ver crecer realmente. Cousas que incluso poderemos comer.

Onde? Canto máis terreo, máis fácil ter cantidade e variedade na horta. Pero hai opcións para tod@s: plantar na terraza ou balcón, converter o xardín en comestible, tomar espazos urbanos, que alguén che preste un cacho de terra ou facerte cunha parcela nunha horta común, xa sexa de iniciativa pública ou particular.

Cando? Xa. A maior recompensa chega cos froitos do verán, pero a horta dá de si o ano enteiro e canta maior continuidade se lle dea mellor funcionará.

E como? Sempre sen produtos químicos, porque para envelenarse un pouco máis non vale a pena facelo na casa. Sobre as técnicas de cultivo, pregúntalle á túa avoa ou aos teus pais. Apúntate a un curso. Faite con bibliografía básica (recomendacións: John Seymour e Mariano Bueno). Consulta na web. Ilusiónate vía facebook. Visita hortas próximas. Vaite como voluntari@ a hortas ecolóxicas do mundo enteiro. Todo suma.

O único consello que eu podo dar é que para un freelance é importante planificar a horta de maneira que non dea moito traballo: regar e desherbar son as tarefas máis constantes, polo que o rego por goteo e a cobertura (acolchado vexetal ou, no seu defecto, plástico) axudan moito.

A das fotos é a nosa horta. Despois dun par de anos sen cultivala, este ano organizámola en seis bancais e unha espiral, con sistema de rego e acolchado de palla, que non funcionou demasiado. Por agora déronsenos ben os tomates, os feixóns, os porros, as leitugas, as flores (taxetes, capuchinas, xirasois), os amorodos, as herbas aromáticas (ourego, tomiño, xarxa, menta), as acelgas, as espinacas chinas e as cabazas. Déronse regular os pementos, as cenouras e os cogrombros. E espantosamente mal os cabaciños, as sandías, os melóns, as lombardas, os rabaniños e as alcachofas. Estades convidad@s a probalos.