Os modernos xa están preparando o funeral da web douspuntocero e vós aínda non acabades de enterarvos de para que valen as redes sociais, sodes unha causa perdida ou aínda poderedes subirvos ao carro?
En NóComún cremos que nunca é tarde para aprender a usar ferramentas novas. Non vos deixedes asustar pola velocidade coa que cambian os palabros e as plataformas, no fondo a idea é moi sinxela: as redes sociais son como as prazas públicas, algunhas son máis grandes ca outras, ou máis bonitas, ou teñen máis xente… ou máis rara. Tanto ten. A mecánica é a mesma: botades un ollo a ver de que vai a historia e decidides que papel xogades vós nese microuniverso. Preferides pasar correndo sen chamar a atención, deixarvos ver, saudar a un par de coñecidos, sentarvos a falar tranquilamente con alguén, montar un posto de venda? Todos isto (e moito máis) podédelo facer, tamén, na rede.
Contámosvos cómo lanzarvos á rede, en oito pasos sinxelos:
1. Reflexionade
O primeiro que tedes que facer é definir a vosa identidade dixital: quen sodes, que facedes, que sabedes, como queredes que vos vexan? Despois, en base a iso, pensade que é o que vos interesa facer en cada praza concreta. Para que queredes unha conta nas redes sociais? Que obxectivo xeral buscades: contactar, comunicar, construír? E, xa para nota, seriades capaces de definir algún obxectivo específico? A quen queredes chegar? Que lles queredes contar? Canto tempo e esforzo podedes adicarlle a esta tarefa? Podedes facer un cadro coas distintas plataformas e os vosos obxectivos e ver cal vos interesa máis para según que cousa.
Imaxe completa, aquí
2. Actuade
Abride unha conta nas redes sociais que máis se axusten aos vosos obxectivos. Nos formularios de acceso, non vos deixedes levar pola preguiza e cubride todos os campos, sempre que sexa posible: nome, breve descrición, web, mail e outros datos de contacto. Compensa dedicarlle unha horiña a isto e facelo ben, porque vai ser a vosa tarxeta de presentación on-line. Empregade todas as ferramentas á vosa disposición: poñede unha boa imaxe de perfil, que vos defina correctamente, personalizade a imaxe de fondo, subide máis fotos, vídeos e audios, sempre que poidades, etc. Despois, escribide unha primeira mensaxe, algo breve, un saúdo.
3. Dade a primeira puntada sen pensalo moito
Conectádevos cos perfís persoais das persoas membros do grupo. Buscade a vosa clientela, colaboradores, colectivos similares, complementarios e mesmo á competencia. Dedicade un par de horas a rastrexar a rede na busca de perfís interesantes, perdédevos nos seus propios contactos, ide e volvede ata que teñades unha idea máis ou menos clara do voso mapa relacional na rede. Isto convén facelo por fases e non pegarse un atracón o primeiro día, sobre todo, no twitter, para evitar spamear con follows masivos, e ir aproveitando de paso para tomar nota das cousas que vos gustan e das que non vos gustan na maneira que teñen os demais de xestionar a súa presenza na rede…
4. Pero despois planificade os vosos pasos
Establecede uns obxectivos concretos e uns prazos para acadalos. Poñede un límite mínimo e máximo de intervencións diarias, semanais, mensuais, acordes cos obxectivos, co esforzo necesario para acadalos… e co punto de saturación da vosa audiencia. Dá medo parecer pouco activ@s, pero é moito peor ser pesad@s.
5. Escoitade
Non usedes as redes sociais só para transmitir: escoitade o que din os demais, conversade con eles, aprendede do que vedes e respostade sempre que sexa posible a quen se comunique con vós. Valorade que vai mal se nunca obtedes resposta e intentade corrixilo. Intentade adaptarvos aos horarios da vosa audiencia (non ten sentido publicar informacións nas fins de semana para un público que só se conecta nas horas de oficina, por exemplo). Non xuntedes no tempo contidos diferentes e procurade non publicar varias mensaxes unidireccionais / interesadas diferentes seguidas… Só hai unha cousa peor que ser un pesado/a: ser un pesado/a egocéntrico/a.
6. Humanizade a comunicación on-line
É importante recordar que detrás da identidade virtual dun colectivo, dunha empresa ou dun profesional hai persoas. Para facelo, como na vida real, só tedes que prestar atención ás persoas e dirixirvos a elas como seres humanos e non como HAL 9000. Tamén axuda ofrecer canles de comunicación alternativas (mail, teléfono, chat) e, chegado o momento, ter a capacidade para trascender o virtual e establecer contacto real con algunhas das persoas que hai detrás dos outros perfís do sector nas múltiples xuntanzas que se traman a través da rede.
7. Sede coherentes
Unha cousa é evitar ser monotemátic@s, excesivamente interesad@s ou, en fin, ser incapaces de manter unha conversa ou de compartir informacións xeradas por outras persoas e outra moi distinta é ter un perfil profesional cheo de referencias a asuntos persoais, chistes non aptos para todos os gustos ou links a noticias xerais sen relación ningunha coa vosa área de coñecemento. Isto é especialmente importante nunha conta colectiva, porque cada unha das persoas que conforman o grupo pode ter a súa propia visión do mundo, o seu sentido do humor, a súa ideoloxía política ou unha identidade relixiosa que non comparta o resto do colectivo. Antes de darlle a publicar a calquera comentario é importante recordar os obxectivos do grupo e preguntarse: Que información sacará a audiencia dese comentario? É esa a mensaxe que queredes transmitir? Pois adiante! Se non, abride perfís propios e deixade o do colectivo para a comunicación compartida.
8. E construíde confianza
Verificade todas as informacións antes de compartilas, intentade crear expectación, tirade do enxeño, usade con sentidiño os RT (o share do FB, os favourites do flickr, etc.), coidade a ortografía e a sintaxe, pensade as frases ben antes de escribilas e, cando vos equivoquedes, non borredes, recoñecede o erro e rectificade publicamente. Actuade, en fin, coa seriedade que lle queirades dar a esa identidade virtual compartida. Así é como seredes vistos.
Xa o vedes. Seguindo estes oito pasos que son máis de sentido común ca outra cousa, nunhas horiñas teredes montada a vosa pequena parada nesa praza que é a rede. Por suposto, a cousa non remata aquí. Internet ofrécevos mil e unha posibilidades para dinamizar e difundir a vosa presenza nas redes sociais, pero iso queda xa para outra ocasión… ou para que o vaiades investigando vós pola vosa conta.
Algúns recursos
As imaxes que ilustran este post son deseños de Rosaura Ochoa (CC), quen ten moitas e moi interesantes infografías sobre redes sociais no seu flickr.
List of virtual communities with more than 100 million users (en inglés)
24 manuales para entender facebook (en castelán)
True beginners guide to twitter (en inglés)
The ultimate guide to LinkedIn (en inglés)