Aldeas da Cultura: 10 claves para propostas creativas no rural (I)

A cidade é un gran invento: concentra enerxías e multiplica posibilidades. Nas cidades pasan cousas que xeran outras moitas. A cultura é un bo exemplo diso. As novas creacións culturais (da vangarda ao comercial) semellan crearse, experimentarse e compartirse nas cidades.

Pero estamos na época das redes e xa moveron o marco que separa a aldea da cidade, aínda que se cadra non nos decatamos. A actividade cultural fóra dos centros urbanos é rica e vai máis alá das manifestacións tradicionais. O problema é que custa facer o camiño que leva ás periferias para descubrir propostas, cada vez máis e mellores. Proxectos nos que o rural, calquera dos rurais posibles, é espazo e materia para creacións novidosas.

Nos últimos anos, moitas das propostas culturais máis interesantes de Galicia e da Península paríronse no rural. Esta listaxe é só un pequeno petisco comentado de dez propostas a partir de dez argumentos básicos para crear discursos singulares e universais desde cada aldea.

Nesta entrega van as cinco primeiras claves:

1. “Esta finde voume á aldea”. Facer o camiño ao revés para aprender e crear
Non todos os eventos selectos van ocorrer nas grandes urbes. En vez de crear nas aldeas réplicas a escala do que ocorre nas cidades, é posible ofrecer propostas únicas, motivos ineludibles para que ao que realmente lle interesa algo saiba que vale a pena facer o camiño á inversa: ir da cidade á aldea, e non só para facer turismo.

Un bo exemplo é o LAV, Laboratorio Audiovisual de Vedra, que quizais sexa a oferta de formación audiovisual non regulada máis coherente en Galicia. Con bo criterio, a Asociación Senunpeso foi argallando un programa no que se aprende e se mostra e onde xunto a cursos básicos hai formación moi específica, mesturando nas aulas curiosos que se inician no audiovisual con profesionais en busca de especialización. Isto non ocorre na Cidade da Cultura, senón no concello de Vedra.

2. “Moito cambiou isto!”. O rural non é unha foto en sepia
Para crear algo no rural hai que entender as súas novas identidades, transcender a imaxe do carro de bois, a eixada e o pano na cabeza. Ese rural existe, pero convive con outros moitos, que moitas veces parecen descoñecidos para os que o escriben, cantan ou filman. Xa o rock bravú nos 90 deu conta dese rural mutante con humor e espírito reivindicativo, e outros moitos despois retrataron esas novas realidades aplicando visións líricas, emotivas ou explosivas.

Un dos obxectivos do Festival de Cans é amosar esa nova realidade rural sen tirar do rústico. Por iso dirixe a atención do público aos elementos característicos do noso rururbano: unha aldea atravesada pola autovía, con pequenas leiras, chimpíns, agricultura de complemento, jalpóns de bloque e uralita, alpendres de esteos e chalés estilo neopazo. Todo aliñado con ironía, participación veciñal e un pouco de falso glamour.

3. “Que virán facer estes aquí!”. Cultura para os da casa e cos da casa
O da participación veciñal é moi importante. Unha aldea non é un lugar no que aterrar cunha idea magnífica para impoñer. Se a xente non está implicada e non o ve e o vive como un proxecto propio, non vai funcionar. Crea un proxecto na túa aldea, e se resides na cidade, asóciate cos que viven alí e pensa neles á hora de deseñalo.

No Festival Mapa, os veciños de Pontós participan das propostas artísticas creadas especificamente na localidade, nun evento no que se confunden o vangardista co lúdico e o popular. Ademais de performances, concertos e cine, na edición deste ano incluíronse actividades como “Pon un espectador na túa mesa” ou a creación dun filme colectivo. Pontós atrae novos creadores que se quedan a vivir, ao tempo que veciños de toda a vida recuperan as súas facetas creativas para amosalas no festival, para orgullo dos organizadores, o colectiu Cèl.lula.

4. “A miña aldea é especial”. Propostas útiles para aldeas únicas
É obvio que non hai dous lugares iguais, polo que cada comarca, concello ou aldea pode atopar os elementos que o fan especial. Transformar eses elementos en propostas singulares é meritorio, e aínda máis conseguir que esas propostas sexan útiles e contribúan ao desenvolvemento, no sentido máis amplo.

Isto sábeno en Cans, sábeno en Pontós e sábeno nas Aldeias de Magaio, un conxunto de localidades de montaña no municipio portugués de São Pedro do Sul, que conta cun proxecto de desenvolvemento económico e social que ten un dos seus alicerces no Binaural / Centro de Residências Artísticas de Nodar. Conectando a arte sonora e visual experimental co patrimonio e a educación, xorden proxectos como Aldeias Sonoras e o Festival Vozes de Magaio, virados cara á dinamización social e económica da comarca.

5. “Aquí non hai nada que facer”. Se non é un lugar único, invéntao
Vale, cada lugar é especial, pero se non lle atopas o punto singular ao teu, sempre podes construílo de cero. Só fai falta ousadía, complicidade e imaxinación.

Para darlle nova vida a Morille (Salamanca, 200 habitantes), os artistas Domingo Sánchez Blanco e Javier Utray propuxeron crear un cemiterio. É o Cemiterio de Arte de Morille, ou Museo-Mausoleo, unha iniciativa para transformar 86.000 m2 desolados e baleiros… nun camposanto para 26 obras de arte (e medrando). Hai pezas de Pierre Klossowski, Isidoro Valcárcel Medina, Esther Ferrer, Fernando Arrabal, Juan Hidalgo ou Germán Coppini. Non se poden ver, pero o seu efecto séntese ben.

Para a semana que vén, debullaremos outras cinco claves, que ben podemos resumir en cinco verbos: reinterpretar, experimentar, cultivar, reflexionar e reinventar.