A comunicación vs desenvolvemento dos pobos

A comunicación é un dereito humano fundamental. Non só por si mesma, senón como ferramenta para facer posible que se cumpran outros dereitos. Por tanto a comunicación para o desenvolvemento debe ser un dos alicerces fundamentais da cooperación.

Artigo 19 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos: “cada persoa ten o dereito á liberdade de expresión e de opinión; este dereito inclúe a liberdade de ter opinións sen interferencia e a recibir e impartir información e ideas a través de calquera medio, sen que medien fronteiras”

Este artigo implica o recoñecemento da comunicación como un proceso social que impacta a vida política, cultural e económica das sociedades. Pero a pesar da evidencia,  poucos proxectos de cooperación teñen en conta a comunicación como elemento vertebral ou polo menos integral do desenvolvemento.

Este tema, nin sequera é novo. Xa en 1994 o escritor, académico e promotor da Carta de Comunicación dos Pobos, Cee J. Hamelink sinalaba que, os dereitos humanos provén un marco universal de estándares para a integridade e a dignidade de todos os seres humanos. Este marco atópase baseado nos principios de liberdade, igualdade, equidade, solidariedade, inviolabilidade, inclusión, diversidade, participación e comunicación. Na mesma liña, o Informe MacBride (1980) expresa que o dereito a comunicar é un pre-requisito para a realización doutros dereitos humanos. Así, o dereito a comunicar vai da man da liberdade de expresión, o dereito á información e o acceso universal ás tecnoloxías e ao coñecemento.

Precisamente porque os colectivos desfavorecidos adoitan ter coartado este dereito e a súa voz non é reflectida nin nos grandes medios de comunicación nin polas canles habituais de transmisión de información, faise máis necesarios os proxectos de comunicación para o desenvolvemento. Darlles as ferramentas necesarias aos cidadáns, de aquí e de fóra das nosas fronteiras, para que teñan as capacidades adecuadas para transmitir as súas inquietudes, necesidades e opinións é fundamental para o seu desenvolvemento. Este é o obxectivo principal dos proxectos de comunicación para o desenvolvemento, aínda que despois a comunicación tamén poida ser útil como ferramenta para lograr outros obxectivos dos proxectos de cooperación como  mellorar a saúde, a alfabetización ou o acceso aos servizos básicos.

Persoalmente eu son das que cren que, ademais da asistencia humanitaria, a axuda de emerxencia ou a dotación de recursos físicos e humanos, para que os pobos desenvólvanse e as condicións de desigualdade que se viven tanto entre países do norte e do sur, como dentro dos propios estados, cambien é imprescindible xerar un cambio de mentalidade. Os nenos e nenas teñen que crecer convencidos da igualdade de dereitos entre razas, crenzas, sexos e capacidades. Isto só conséguese con efectivas políticas de sensibilización, que actualmente están case por completo en mans das onegés, no canto dos propios estados.

Os proxectos de sensibilización teñen un compoñente pedagóxico claro, pero tamén comunicativo. Algo que no ámbito das organizacións non gobernamentais óbviase en numerosas ocasións. Saber comunicar é tan importante como o que se comunica. Ademais os proxectos de sensibilización non teñen por que quedar só no ámbito escolar, senón que é preciso facer uso deles para ampliar o campo de acción. A imaxe adecuada, o texto preciso, poden ser moi útiles para a sensibilización e doutra banda, nos tempos que corren, resultan máis económicas que outro tipo de estratexias de sensibilización. Agora chegamos a outro punto problemático. Quen ten que facer este traballo? Para ben e para mal, un comunicador. Xa que  unha mensaxe mal enfocado pode facer moito máis dano que beneficio.

A teoría está moi ben e é necesaria, pero nada mellor que a práctica para demostrar a veracidade do que soporta o papel. Vexamos algúns exemplos de proxectos de comunicación para o desenvolvemento en solitario ou integrados con outros.

En Otra Onda. Reinserción social no cárcere da Lama

 

 

 

 

 

A primeira emisión de En Otra Onda, faladoiro radiofónico realizado por internos do Centro Penal da Lama en Pontevedra,  tivo lugar o 11 de febreiro de 2007. O achegue deste proxecto de comunicación e reinserción social para persoas privadas de liberdade foi recoñecido no 2008, polo Ministerio do Interior coa concesión do Merito Social Penal. Neste momento a emisora da Lama ten programación continua durante 12 horas e nela teñen cabida desde debates, a programas de música ou radionovelas. Segundo recoñecen os propios internos este proxecto mellorou a  convivencia e o propio intercambio de experiencias entre as persoas que cumpren condena. As gravacións efectúanse desde A Radio, emisora propiedade do centro penal da Lama, no que unha decena de internos traballan por manter unha programación estable, tras ser capacitados por un equipo da Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (AGARESO) no marco dun curso teórico/práctico que se celebra con carácter semanal.

A radio serve para mellorar a autoestima dos internos, devolverlles a capacidade de expresión e facer da convivencia dentro do centro, algo un pouco máis normalizado. No centro penal tamén se elabora unha revista de prensa e un blog para que os internos poidan contar as súas experiencias e os seus familiares lelas na web.

Mellor que eles mesmos nolo conten neste vídeo:En Otra Onda

Nómades. Cinema para todos

 

 

 

 

 

 

Nómades é un proxecto dunha ong peruana, integrada por cooperantes españois e peruanos, que se dedican a levar o cinema ás persoas que nunca tiveron acceso a el. Percorren as comunidades da serra e a costa peruana cunha pantalla xigante inchable e unha mochila chea de películas latinoamericanas que abordan principalmente temas sociais. Adoitan estar nos pobos unhas dúas semanas e en paralelo ás funcións, desenvolven  talleres de cinema  para que os nenos e nenas destas comunidades aprendan a contar historias. Nómades estivo en Pisco, na zona do terremoto de 2007, onde a cultura e o lecer parecían estar vedados. Ademais ten levado aos cineastas latinoamericanos de volta aos lugares onde gravaron as súas películas, para que a compartan coa xente que nalgún momento cedeu o seu pobo para escenario das historias. Para o director de Contracorriente, Javier Fuentes León, foi unha gran experiencia  compartir a súa película, que conta a historia de dous homosexuais que ocultan a súa relación nun pequeno pobo da costa peruana, cos habitantes do lugar onde se rodou e  debater sobre o que implica aínda ser homosexual nas zonas rurais de Latinoamérica.

Radio comunitaria no Salvador. Instrumento educativo

 

 

 

 

 

 

 

A ong Agareso desenvolveu este ano o primeiro proxecto de comunicación para o desenvolvemento no exterior. Baixo o título Así soa o Baixo Lempa, un equipo de Agareso Radio percorreu en 18 días, 7 colexios e impartiu talleres de radio a 140 escolares salvadoreños. En cada unha das escolas, gravouse un programa de radio que, despois de pasar por edición, distribuíuse nas distintas emisoras comunitarias da zona. Todo iso en clave ambiental, tratando de recoller e achegar unha ferramenta máis ao proxecto de capacitación e promoción da pesca sustentable que as ong ACPP e Cordes están a desenvolver na zona. Neste caso a comunicación para o desenvolvemento está integrada nun proxecto de cooperación coa finalidade de sensibilizar sobre a necesidade de preservar os recursos naturais existentes neste país centroamericano.

Auto retrato de muller indíxena

No marco do Proxecto de educación para o desenvolvemento Coñecendo pobos, achegando culturas impulsado por catro ongs galegas integradas no proxecto Oxlajuj Tz´ikin na Costa Sur de Guatemala xurdiu a posibilidade de realizar un taller de fotografía documental con mulleres indíxenas cuxo resultado é a exposición Mulleres Mayas Unidas, queremos aprender, queremos ensinar. Esta mostra pretende achegar a vida e a realidade cotiá destas mulleres, creando un intercambio de experiencias Guatemala-Galicia, para romper a visión unidireccional, do norte cara ao sur, que adoita predominar. As mulleres indíxenas foron retratadas mil veces, pero poucas puideron definirse elas mesmas.  Para a realización do taller as mulleres contaron coa súa propia cámara de fotos, que quedaron ao servizo da comunidade para que sigan retratando a súa propia historia.

Finalmente gustaríame sinalar outra cuestión, que aínda que non pode ser considerada comunicación para o desenvolvemento, creo que debería formar parte tamén dos requirimentos que teñen as onegués ou as axencias de cooperación internacional. Todos teñen o deber de contar o que se fai cos fondos de cooperación, quen son os beneficiaros dos proxectos, que tipo de desenvolvemento está a potenciarse e se efectivamente esta axuda supón un cambio para os países e comunidades que a reciben. Isto non é unha cuestión menor, senón vital, para que os cidadáns sigan crendo na cooperación e para que as organizacións non gobernamentais teñan o respaldo social necesario para seguir facendo o seu traballo. Algunha organización non gobernamental cre de verdade que é máis efectivo abordar aos cidadáns en plena rúa para solicitarlles que se fagan socios das súas entidades, no canto de contarlles a través das plataformas adecuadas o traballo que fan?